MOCIÓN relativa ao investimento do remanente de tesourería de 2017
O BNG presenta as súas propostas para o investimento do remanente de tesoureira do ano 2017
O Real Decreto Lei 1/2018, do 23 de marzo, polo que se prorroga para 2018 o destino do superávit das corporacións locais para investimentos financeiramente sostíbeis e se modifica o ámbito obxectivo destes, contempla unha serie de grupos de programas de gasto nos que os concellos poden investir os remanentes de tesourería de 2017, que no caso do noso concello alcanza os 721.023,97€.
Entre outros programas atopamos vías públicas, parques e xardíns, asistencia social primaria e instalacións deportivas.
Son moitas as necesidades que presenta A Pobra relacionadas con estes (e outros) investimentos.
Sen ir máis lonxe, no que atinxe a vías públicas son innumerábeis os puntos do concello que precisan arranxos de distinta índole pero é indubidábel que existe unha débeda histórica coa Ribeiriña e o Conchido, lugar sobre o que o BNG ten presentado iniciativas, aprobadas por unanimidade.
Relacionada con este apartado de vías públicas está a cuestión da seguridade viaria e accesibilidade na rúa San Roque e Adro do Caramiñal, sobre as que o BNG presentou varias mocións, tamén aprobadas por unanimidade.
Polo que respecta a parques e xardíns, o goberno municipal asinou no 2016 un documento no que se comprometía a efectuar a cubrición dun parque infantil, actuación que a día de hoxe segue sen materializarse.
En canto a asistencia social primaria, foi o propio goberno municipal quen presentou unha iniciativa para dotar á comarca dun Punto de Encontro Familiar, preferibelmente na Pobra.
Referidas a instalacións deportivas, recentemente aprobouse por unanimidade o arranxo e acondicionamento da pista da antiga escola da Ponte Barbanza e temos aínda sen debater a moción sobre o polideportivo de Venecia que a todas luces precisa de melloras. Ademais destas dúas actuacións debemos nomear a dotación dunha pista deportiva na Ribeiriña, como se recollía nos acordos asinados por BNG e NP en 2016.
Todas os anteriores son só algunhas das moitas actuacións que precisa o noso concello ás que poder destinar o superávit de 2017.
Consonte ao anteriormente indicado o BNG propón que entre os investimentos a realizar estean os seguintes:
Actuación integral na Ribeiriña-Conchido que contemple o asfaltado e dotación de beirarrúas iluminación e mobiliario urbano, sinalización horizontal e vertical e reorganización do tráfico, así como a limpeza e acondicionamento do bordo litoral.
Melloras na seguridade viaria e accesibilidade na rúa San Roque e Adro do Caramiñal.
Dotación dun parque infantil cuberto.
Creación dun Punto de Encontro Familiar.
Arranxo e acondicionamento da pista deportiva da antiga escola da Ponte Barbanza.
Arranxo e melloras no Polideportivo de Venecia.
Dotación dunha pista deportiva na explanada da antiga fábrica da Onza de Oro.