MOCIÓN relativa a conservación e posta en valor de diversos elementos do noso patrimonio.
A defensa, conservación e posta en valor do noso patrimonio cultural é un dos sinais de identidade do BNG. Durante este mandato foron varias as iniciativas que o BNG ten presentado no noso concello, sendo a maioría delas non atendidas na súa execución por parte do goberno municipal. Nesta moción queremos centrarnos en tres elementos patrimoniais que están nunha situación de risco para a súa conservación.
Dende fai xa moito tempo as naves protexidas dos areos están sufrindo un deterioro que pode ser irreparábel. Non imos recordar agora todas as iniciativas e propostas que ten presentado o BNG ao respecto, só sinalar que non nos parece que a súa situación actual e imaxe sexan aceptábeis. Sabendo das dificultades que un goberno municipal pode ter á hora de negociar con outras administracións o mantemento e recuperación das naves, pensamos que o concello pode facer algo máis que a simple colocación dunhas vallas e cinta plástica de protección.
Situación parecida está a vivirse no cruceiro do Cristo do Pichón, entorno singular do noso casco urbano e que tamén leva xa demasiado tempo cercado de vallas de protección sen que se vexa nin se coñeza actuación algunha para rematar con esa situación de provisionalidade e se asegure a súa conservación e posta en valor.
Do mesmo xeito o coñecido como Cruceiro das Maricas situado no Camiño Real na Ribeiriña está tamén nunha situación de abandono e descoido que impide a súa contemplación e posta en valor adecuada.
En base ao exposto, o Grupo Municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción dos seguintes
A C O R D OS
O goberno municipal desenvolverá, tanto dende as competencias propias como dende unha interlocución activa e constante con outras administracións, as actuacións precisas para asegurar a conservación, reparación e posta en valor dos elementos patrimoniais sinalados.