MOCIÓN relativa á eliminación do dispositivo “foto-vermello” nos semáforo da nosa vila.
O BNG da Pobra presenta unha moción ao próximo pleno relativa á adopción de medidas para eliminar os dispositivo “foto-vermello” no semáforo entre os xardíns Valle Inclán e a Praza Maior
O BNG da Pobra vén de presentar unha moción propoñendo a eliminación do dispositivo “foto-vermello” nos semáforos da nosa vila.
En xaneiro deste ano 2018 o Tribunal Supremo español ditaminou a ilegalidade dos sistemas “foto-vermello”, máis coñecidos como radares de semáforo, cuestionando tanto a súa fiabilidade como que non se vulnere a presunción de inocencia. Esta sentenza veu a confirmar o que xa tiñan ditaminados numerosos tribunais e a ratificar as anulacións das multas interpostas por este método.
No noso concello existe un dispositivo deste tipo no semáforo entre os Xardíns Valle-Inclán e a Praza Maior. Polo que se desprende da relación de facturas e gastos presentadas polo goberno municipal o noso concello segue pagando á empresa concesionaria do dispositivo polo seu uso e actuación. Así pois, no noso concello seguen poñéndose multas mediante este método declarado ilegal. Imaxinamos que unha parte das persoas multadas recorrerán a infracción e lle será retirada, mentres que outras que descoñecen a sentenza si a pagarán, creando unha situación completamente inxusta e abusiva.. Ao BNG parécenos claro e evidente que o dispositivo existente no noso concello ten que deixar de ser usado para poñer sancións de tráfico.
Polo xa exposto, o Grupo Municipal do BNG solicita que o Pleno da Corporación Municipal acorde:
Que o goberno municipal desenvolva as actuacións precisas para anular o uso sancionador do dispositivo foto-vermello situado no semáforo do centro da vila que será substituído polo desenvolvemento de accións de concienciación e educación viaria.