MOCIÓN relativa á mellora da accesibilidade na Pobra do Caramiñal.

huesca-accesible_4132

A accesibilidade é unha das asignaturas pendentes da Pobra do Caramiñal

MOCIÓN relativa á mellora da accesibilidade na Pobra do Caramiñal.

Este concello presenta numerosas eivas en canto a accesibilidade nas vías e edificios públicos, mais tamén en canto a edificacións privadas, vulnerando os dereitos das persoas con mobilidade reducida e, polo tanto, discriminándoas, algo dificilmente comprensible para ninguén en pleno século XXI.

Nas vías públicas destaca o mal estado das beirarrúas e os atrancos (farois, escalóns, postes...), algún deles consentidos polo propio goberno municipal (contedores de lixo, maleza) que demandan unha solución urxente.

Pero ademais dos obstáculos nas beirarrúas, hai lugares que presentan especiais dificultades de acceso para persoas con mobilidade reducida ou carros de bebé, e que supoñen unha limitación importante para un número elevado de veciños e veciñas. É o caso do entorno do Adro do Caramiñal e contorna. Este lugar ten unha pavimentación totalmente inadecuada para as cadeiras de rodas, carros de bebé, etc. e presenta distintos niveis segundo as zonas, alén de ter como única vía de comunicación accesíbel co núcleo principal do concello (bancos, praza de abastos, etc.) a rúa San Roque. E accesíbel é, pero moi perigosa para os peóns no cruce coa rúa Gasset.

Similares problemas de accesibilidade se repiten noutros puntos do concello que contan con beirarrúas demasiado estreitas ou con insalvábeis diferenzas de nivel.

Ademais, conviría facer unha planificación para conseguir no medio prazo a denominada “plataforma única”, calzada e beirarrúas ao mesmo nivel coas medidas de control do tráfico e de seguridade viaria para garantir o tránsito seguro a calquera persoa, con diversidade funcional, con carros de bebé... Esta é a tendencia pola que xa apostan a maioría das cidades, e tamén as vilas da nosa contorna.

Por outra parte temos a cuestión da accesibilidade en edificios privados. Neste sentido o Real Decreto 1/2013, Texto refundido da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e a da súa inclusión social, obrigou a facer axustes de accesibilidade, tanto para a entrada e saída dos edificios como para poder facer uso dos elementos comúns nas mesmas condicións a todos os veciños e veciñas. O prazo para facer estes axustes rematou o 4 de decembro de 2017, mais en moitos casos non se fixeron.

O papel do concello na aplicación desta norma é fundamental, non só para obrigar a realizar as obras precisas senón tamén para axilizar os trámites necesarios para acometelas.

Polo exposto, o BNG propón que se aproben e leven a cabo os seguintes acordos:

O Goberno Municipal eliminará con urxencia os atrancos nas beirarrúas dos que é directamente responsábel.

O Goberno Municipal desenvolverá as actuacións precisas para garantir un acceso seguro a todas as persoas entre a rúa San Roque e o Adro do Caramiñal á rúa Gasset.

O Goberno Municipal desenvolverá actuacións tendentes a establecer zonas 30 e plataforma única, comezando polos lugares con maiores dificultades de accesibilidade.

O Goberno Municipal facilitará e axilizará os trámites necesarios para realizar obras de accesibilidade nos edificios privados.

MOCIÓN relativa á mellora da accesibilidade na Pobra do Caramiñal.