MOCIÓN relativa á promoción do emprego no noso concello.

39c0ff13-f387-4b70-8ce2-280e386ded59
MOCIÓN relativa á promoción do emprego no noso concello.

Desde o inicio do mandato, o BNG manifestou a súa preocupación pola deriva poboacional e a falta dunha política municipal de fomento do emprego e actuou en consecuencia presentando distintas iniciativas para reverter a situación, destinadas a xerar postos de traballo, o que permitiría a fixación de poboación, fundamentalmente poboación nova, e evitar a emigración da nosa xuventude.

Entre as medidas propostas polo BNG ao pleno da corporación estarían a elaboración dun plan de emprego xuvenil, aprobado por unanimidade en novembro de 2015; o desenvolvemento do parque empresarial supramunicipal na zona de Moldes, moción aprobada no pleno de abril de 2016, aínda que cos votos negativos do PP; ou a tramitación e posta en marcha de obradoiros de emprego dirixidos especificamente a menores de 30, aprobada por unanimidade en abril de 2017. A isto habería que engadir o espazo de coworking, esixencia do BNG para o apoio dos orzamentos de 2016.

Mais o resultado da aprobación destas propostas foi escaso. Non se fixo o plan de emprego xuvenil e non se adiantou nada con respecto ao parque empresarial. Polo que se refire aos obradoiros de emprego, en 2017 non se obtivo a subvención e non temos constancia de que se solicitara ningún no 2018, sendo o único concello da comarca que carece desta ferramenta.

Por outra parte, no pleno do 25 de maio de 2017 aprobárase unha ordenanza reguladora do servizo de intermediación laboral, cos votos en contra do BNG que consideraba e considera que un concello non debe exercer de axencia de emprego, senón informar e asesorar. Esta ordenanza incluía no artigo 5 que a inscrición “estará a disposición dos interesados na páxina web do Concello”, mais en dita páxina, no apartado de emprego, só atopamos unha descrición xenérica dos obxectivos e funcións de calquera axencia de emprego e desenvolvemento local, entre as que se inclúen cursos formativos ou programas de cooperación dos cales descoñecemos a existencia. A súa operatividade é nula.

A consecuencia desta ausencia de políticas municipais de promoción do emprego é a que nos mostran as estatísticas: nos últimos 4 anos a poboación da Pobra diminuíu a un ritmo acelerado (232 persoas desde 2014, -2,4%) e o paro situouse no 15,26% en 2017.

                Por todo o exposto, o Grupo Municipal do BNG propón á Corporación a adopción dos seguintes ACORDOS:

1. Reprobar ao alcalde e á concelleira de dinamización económica.

2. Elaborar o plan de emprego aprobado por unanimidade no pleno de novembro de 2015.

3. Participar en todas as convocatorias de programas de cooperación cos concellos para a empregabilidade (obradoiros de emprego e plans da Deputación).

4. Habilitar na páxina web do concello unha sección con información sobre oferta e demanda de emprego na comarca.

MOCIÓN relativa á promoción do emprego no noso concello.