MOCIÓN a respecto do deterioro e necesaria conservación do barrio dos cataláns.

MOCIÓN a respecto do deterioro e necesaria conservación do barrio dos cataláns.

A Pobra do Caramiñal conta cun patrimonio material amplo e fermoso, que inclúe espazos naturais (carballeira da Silva; canle do río Pedras; praia da Corna; etc); espazos urbanos e espazos arquitectónicos, como a vella capela da Mercede, a ermida da Guadalupe dos Casás, o Hospitaliño de leprosos da rúa Rafael Calleja, a casa reitoral da parroquia de Santa María do Xobre, o conxunto da igrexa de Santiago do Deán e as casas do Couto e de Díaz de Aguiar, ou a Torre de Bermúdez, entre outros. E dende logo o que aínda resiste e existe do chamado Barrio dos Cataláns.

A respecto deste último, O BNG da Pobra, que presentou amplas e documentadas alegacións ao proxecto de rexeneración ambiental das Xunqueiras de Santo Antón, ten rexistrada máis dunha iniciativa para a conservación e posta en valor dos pavillóns industriais situados no extremo sur deste barrio.

A última, en setembro de 2016, solicitaba

  1. O goberno da Pobra do Caramiñal convocará de forma inmediata un concurso de ideas para:
  1. A restauración das naves situadas na parte sur do paseo do Areal.
  2. A redacción dun Plan de usos e unha memoria económica do proxecto e dos custos do seu posterior desenvolvemento.
  3. Propoñer unha actuación integral sobre a zona, que respecte e poña en valor o patrimonio natural e material da zona do Paseo do Areal, barrio dos cataláns e área das Xunqueiras.

O grupo municipal de NP propuxo manter os puntos a. b. e c. pero que se modificase a redacción do primeiro parágrafo, do xeito seguinte:

O Goberno da Pobra do Caramiñal realizará de forma inmediata un proceso participativo para a toma de decisión do uso das naves unha vez recuperadas, contando coa participación  de expertos en diferentes eidos, como en arquitectura, bioloxía, turismo, cultura, museística e calquera outro que poda ter vinculación co obxectivo marcado, así como a cidadanía en xeral da Pobra. A continuación convocará un concurso de ideas para a realización do proxecto para:   

Emenda e moción foron aprobadas por unanimidade.

Dende aquela, o tempo, teimudo e constante, actúa sobre o barrio, e nomeadamente sobre os restos dos pavillóns industriais xa citados, poñéndoos nunha situación de irrecuperabilidade.

Pola contra, nin a Administración do Estado nin a Local están a dar paso ningún que demostre o seu interese en recuperar e conservar as naves recollidas na ficha nº 91 do Catálogo de Edificacións e Bens a Protexer do Plan Xeral de Ordenación Urbanística da Pobra do Caramiñal.

Por todo o exposto o Grupo Municipal do BNG-AA propón á Corporación a adopción dos seguintes

ACORDOS

  1. O goberno municipal executará de inmediato os acordos tomados no pleno ordinario de setembro de 2016 e tomará as medidas necesarias para cumprir coas súas obrigacións demanantes da cualificación que o PXOM da Pobra do Caramiñal otorga ás tres naves xa citadas.
  2. O goberno municipal instará a Administración do Estado a actuar de forma urxente o rescate das concesións da zona do Barrio dos Cataláns, de xeito que se poida iniciar canto antes a recuperación da zona.
  3. O goberno municipal instará á Administración do Estado a acordar coa Administración Local a segunda fase do proxecto de rexeneración ambiental das Xunqueiras de Santo Antón.
MOCIÓN a respecto do deterioro e necesaria conservación do barrio dos cataláns.