MOCIÓN de rexeitamento ao proxecto de reapertura da explotación mineira para a extracción de cobre nos concellos de Touro e O Pino.
A mina de Touro: unha ameaza mortal para a Ría de Arousa
A mina de Touro é un xacemento de sulfuros metálicos dunhas 600 hectáreas. Explotado entre os anos 1974 e 1988 para a obtención de cobre, provocou unha alteración ambiental crítica con cortas profundas, paredes verticais, entulleiras de estériles e unha gran balsa de decantación de lodos. Os materiais á intemperie, sen vexetación nin chan, soportan oxidación dos sulfuros metálicos, xeran augas de drenaxe hiperácidas e contaminan os ríos da bacía do Ulla.
O pasado 25 de agosto saíu a exposición pública o proxecto de reapertura da mina citada, presentado pola empresa Cobre San Rafael S.L. Este novo proxecto pretende seguir explotando os mesmos xacementos e os estremeiros con estes, dentro dunha concesión máis ampla que abarca o concello de norte a sur nunha extensión superior ás 2.000 Has.
Trátase dun proxecto de megaminaría a ceo aberto que ocupará unha extensión de 689 Ha, das cales só o 30% son terreos xa afectados pola explotación anterior.
Vai afectar a case 500 hectáreas de terreos agrícolas e forestais que son a a base produtiva de moitas explotacións agrarias dos núcleos máis próximos á explotación.
Xunto ás catro cortas existentes vanse escavar 6 novas cortas que darán lugar a outros tantos ocos de 100 ou máis metros de profundidade.
Trátase dun proxecto cuxa práctica supón múltiples ameazas e perigos que resumo sinteticamente en tres aspectos.
- Impacto medioambiental. A magnitude da explotación, e a pesar de todas as medidas previstas, fai imposible compatibilizar a actividade co mínimo respecto medioambiental: eliminación de mananciais de captación de auga para consumo doméstico, afectación ás augas subterráneas e superficiais, aos ríos e ao propio Ulla, construción dun enorme depósito de residuos altamente contaminante fronte ao núcleo de Arinteiro, impacto paisaxístico con entulleiras a unha altitude moi superior á actual do terreo, posibilidade de verquido de augas altamente contaminadas por metais pesados e tóxicos á bacía do río Ulla e, por tanto, á Ría de Arousa. De feito, calquera incidente medioambiental sobre as augas da zona pode ser o golpe definitivo para a acuicultura da nosa Ría, tanto do mexillón como dos bivalvos obxecto do marisqueo tradicional.
- Impacto na saúde. Os metais pesados son elementos moi perigosos para a saúde. A contaminación das augas por estes metais característicos de toda actividade mineira é un factor de risco moi elevado ao que estará sometida toda a poboación da contorna e da nosa localidade, posto que se abastece de auga do Ulla. Ademais, o ruído ininterrompido, as vibracións polas voaduras e a emisión de po nas mesmas, no movemento de terras e no seu traslado, serán outros factores que incidirán negativamente na saúde da poboación.
- Impacto económico. A minaría prevista, colonialista, propia do século XIX, consistente en extraer un recurso para favorecer exclusivamente a empresas foráneas e deixar aquí a contaminación, non vai crear ningún tecido produtivo na zona, tan só unha pequena xeración de postos de traballo temporais e de baixa cualificación que en absoluto compensan, nin de lonxe, todo o dano que, ese si, será para sempre, ao eliminar explotacións gandeiras, reducir a produción hortícola e froitícola e frear proxectos de investimento que se están levando a cabo no sector agrogandeiro. E vai significar unha permanente espada de Damocles enriba das mulleres e homes que traballan e viven da acuicultura na Ría de Arousa.
As propias alegacións xunto co informe urbanístico presentados polo concello deixan constancia da grande afectación que supón, recoñecendo implicitamente o seu enorme impacto negativo e supondo na práctica unha emenda á totalidade da postura inicial do grupo de goberno favorable á súa reapertura.
Igualmente acontece coas alegacións presentadas pola Sociedade Galega de Historia Natural, nas que se constatan un número importante de deficiencias e erros na documentación do proxecto e que deixan de manifesto o descoñecemento, xa non só da propia realidade económica, natural e social do territorio, senón tamén da normativa, chegando a facer mención ou baseándose en normativa xa derrogada. Igual acontece co Estudo de Impacto Ambiental e Estudio de Impacto Económico, onde hai unha errónea e/ou nula valoración de riscos e o que todo iso suporía na comarca, no sistema fluvial Ulla-Deza, así como na propia Ría de Arousa, complexo intermareal ou humidais de enorme importancia económica e ambiental. Cuestión que igualmente deixou de manifesto a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA).
Estamos, por tanto, ante un proxecto cun impacto ambiental inasumible, un impacto sobre a saúde preocupante, un impacto económico negativo e un impacto social que xera unha forte alarma e rexeitamento.
Por todo o exposto, solicítase ao pleno da corporación a adopción dos seguintes
ACORDOS
- Trasladar á Xunta de Galiza o rexeitamento da corporación da Pobra do Caramiñal a este proxecto.
- Solicitar ao goberno galego a denegación da reapertura deste proxecto mineiro.
- Demandar á Xunta de Galiza que obrigue ao titular da concesión á restauración dos solos e das augas, subterráneas e superficiais, contaminadas pola anterior actividade mineira.