PLENO OUTUBRO 2017

casadoconcelloapobradocaraminal
casadoconcelloapobradocaraminal
PLENO OUTUBRO 2017

O Pleno de outubro presentábase tranquilo, aínda que con moitas, demasiadas, mocións, quince, oito delas correspondentes ao pleno de setembro.

Coa aprobación das actas de febreiro, extraordinaria e urxente, e setembro, conseguimos, non era sen tempo, poñernos ao día.

O goberno municipal, PP e PSOE votaron a favor de manter como festivos locais os luns do Carme dos Pincheiros e do Nazareno. O BNG abstívose, porque entende que é necesario levar a cabo un amplo debate sobre as festas e os festivos locais.

Aprobouse por unanimidade a aceptación da doazón do cruceiro de Abuín (Santo Isidro). O PP non foi quen de facelo e NP tardou ano e medio en atender a boa disposición dos propietarios.

A proposta de Concellaría (autónoma) de Cultura de adhesión á Xunta pro devolución do Pazo de Meirás e apoio ao manifesto desta plataforma cívica foi aprobada cos votos favorábeis de PSOE, NP e BNG, e a abstención do PP, que non se sente moi cómodo con este asunto. Din que a recuperación do pazo debe facerse dentro da legalidade. Non será a que se aplican a eles mesmos, que non paran de desfilar polos xulgados imputados nalgunha trama de corrupción.

Os puntos 5, 6 e 7 eran operacións de créditos propostas como consecuencia de que o goberno municipal de NP foi incapaz de elaborar uns orzamentos para este ano 2017. Din que non o fixeron porque a oposición se manifestara en contra da súa aprobación. Pero fai nada o Alcalde declaraba que esperaba ter a abstención do PP para sacalos adiante. En outubro, por certo, non en xaneiro. Así que está rematando o ano e vendo que non lle van cadrar as contas, introducen pleno tras pleno modificacións do orzamento prorrogado ou solicitudes de creto. Mais o certo é que o balance deste 2017 vai ser o mesmo que o de 2016: numerosas actuacións sen realizar, como algunhas do Plan de Acción Social 2015 e todas as do Plan Único da Deputación 2017.

O punto 5 era a solicitude dun creto por valor de 120.000 euros para reparacións e melloras en vías rurais e urbanas. A proposta, que non incluía orzamentos nin proxectos detallados, era un exemplo de indefinición: se hai cesión dos propietarios faremos un muro de contención; actuarase parcialmente, non na totalidade; nas partes en peor estado. E o mellor, incluír unha rúa do concello pensando en compracer ao PP, que presentara unha moción para una vía rural co mesmo nome. O BNG dubidou da validez dos criterios empregados para facer a selección presentada, pois son moitos máis  os tramos de vía pública que necesitan urxentemente arranxos, polo que cabe pensar que foi escollida a ollo. Tamén esiximos, como tantas outras veces, que se faga unha planificación para afrontar tanto as obras de mellora como de limpeza que garanta actuacións periódicas en todos os lugares do concello, porque a presentación desta proposta (que non foi incluída na pasada Comisión de Seguimento por non tela preparado a tempo, como confirmou o Alcalde) parece  froito, unha vez máis, da improvisación e a explicación ofrecida polo goberno municipal así o demostra. O BNG (e tamén o PSOE) abstívose neste punto non só polas dúbidas a respecto do proxecto en si, senón tamén polas formas empregadas (as de sempre): ignorando e desprezando a opinión da oposición. O voto en contra do PP deixou estas obras para cando o goberno municipal sexa quen de facer uns orzamentos, se o é. Este é o motivo de que non se leven a cabo as obras e non outro, a pesares dos whatsapps insidiosos que algún membro do goberno se aplicou a enviar rapidamente. Máis traballar e menos difamar!

A continuación aprobáronse dúas modificacións do orzamento 2017, prorrogado de 2016, para destinar a cultura (aprobada cos votos favorábeis de NP e BNG, en contra do PP e a abstención do PSOE) e subvencións (aprobada por unanimidade) cartos doutras partidas que non se executaron.

Polo que se refire ás mocións, só deu tempo a tratar 6 das 8 adiadas do pleno anterior. É dicir, imos acumulando retrasos, de tal maneira que no pleno de novembro teremos para debater 2 mocións do pleno de setembro, todas (7) as do de outubro, ademais das que se presenten en novembro.

Das 6 debatidas neste pleno só unha era do BNG, en demanda da retirada do Anteproxecto de Lei polo que se modifica a Lei 8/2008 de Sanidade. Este anteproxecto que pretende aprobar o PP é un machadazo máis nos recursos da Sanidade Pública e abre portas a unha maior privatización. Desde logo para o Barbanza sería unha moi mala noticia porque suporía ter que desprazarnos ao Clínico de Santiago para as consultas e operacións de moitas especialidades, quedando o Hospital do Barbanza para atender urxencias e cuestións menores. Ou sexa, un profundo retroceso na calidade da atención e un gran prexuízo para os usuarios e usuarias. Esta proposta foi aprobada cos votos de PSOE, NP e BNG. O PP, artífice do anteproxecto, por suposto, votou en contra.

Foron 3 as mocións do PSOE: sobre arranxos no Centro de Saúde, aprobada cos votos de PP e PSOE e a abstención de NP e BNG; sobre informar e invitar a actos públicos a todos os concelleiros e concelleiras, aprobada coa abstención de NP e o voto favorábel de PP, PSOE e BNG; e sobre a avespa velutina, aprobada cos votos de PSOE, NP e BNG e o voto en contra do PP.

Do PP debatéronse dúas mocións. Na primeira, relativa ao cumprimento do acordo plenario do 29 de outubro de 2015 sobre facer determinadas modificacións no PXOM para evitar prexuízos aos veciños e veciñas lindantes coas estradas autonómicas, o propio Partido Popular presentou unha emenda. Emenda e moción foron aprobadas por unanimidade. A segunda, sobre establecer unha zona azul no entorno do Mercado Municipal aprobouse cos votos favorábeis de PP, PSOE e NP e o voto en contra do BNG, pois consideramos que abondaría con tomar algunhas medidas puntuais no verán e durante as festas.

Rematou eiquí un pleno que demostra que certas mañas do goberno municipal chegaron para ficar: traer ao pleno propostas que non inclúen participación de ningún partido da oposición, e que as respostas do grupo de goberno conten coa intervención do concelleiro ou concelleira correspondente e, ademais, sempre, coa do alcalde, que parece que non confía gran cousa na capacidade oratoria do seu goberno.

PLENO OUTUBRO 2017