Ordenación do tráfico na Praza Irmáns Ageitos

Ordenación do tráfico na Praza Irmáns Ageitos

A Praza dos Irmáns Ageitos é un espazo municipal límite entre a coñecida como zona peonil e a autorizada tamén para o tráfico rodado.

Dita Praza é eminentemente residencial, pois nela só se ubican dous locais comerciais, dos cales un semella estar xa pechado. Hai dous garaxes privados na praza e os existentes nas inmediacións son moi escasos, pero o acceso a estas instalacións está garantido polo sinal de prohibición do paso que inclúe a lenda “Excepto Garajes”.

Ten a Praza dúas saídas cara a rúa Puente: unha, a máis ampla, bloqueada por tres xardiñeiras-obstáculo. A outra, a máis estreita, dun ancho pouco máis que o dun vehículo familiar,  dispón do sinal vertical antes citado e, sorprendentemente, dun paso de peóns, que dende a rúa Curraliño atravesa a rúa Ponte e chega á praza, o que propicia que se poidan atopar ao mesmo tempo no paso de peóns un automóbil e camiñantes.

Tamén coñece a Praza o tráfico, innecesario, de vehículos comerciais, que podían desenvolver o seu traballo con medios de transporte manual dende os estacionamentos existentes nas inmediacións do mercado, na rúa Castelao ou, ocasionalmente, na confluencia das rúas Gavoteira e Curraliño. É o caso que tales vehículos saen da Praza por enriba do paso de peóns, non atravesándoo senón percorréndoo, eventualmente coincidindo, como xa dixen, cos peóns, e en moitas ocasións ocasionando danos ás vivendas que delimitan a estreita saída.

Polo anteriormente exposto, o Grupo Municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal da Pobra do Caramiñal a adopción do seguinte

ACORDO

1. Prohibir o acceso e tránsito pola Praza Irmáns Ageitos de calquera vehículo distinto dos que utilizan os garaxes nela ubicados.

2. Manter como acceso peonil o agora existente e habilitar como entrada e saída do tráfico rodado á Praza a máis ampla.

3. Corrixir o sinal de prohibición para ler: Agás garaxes.

Ordenación do tráfico na Praza Irmáns Ageitos