A respecto da proposta de orzamentos 2018 do goberno de NP
Os orzamentos que onte propuxo en Pleno Ordinario de Nós Pobra son claramente irreais e electoralistas.
E son irreais porque o aumento tanto en ingresos como en gastos dependen absolutamente da concesión de subvencións, 1.018.000€ do Estado e 734.317€ da Deputación, cuxa concesión non está en absoluto garantida ou aínda non se solicitaron. Prevén tamén os orzamentos un endebedamento de 1.728.000€, co que se elevaría a débeda do concello a fins do ano 2018 ata os 2.350.000€, só 650.000€ por debaixo da que tiña o PP a 1 de xaneiro de 2015.
Pero ademais se estes orzamentos se cumprisen, o goberno de Nós Pobra superaría o teito de gasto permitido, polo que o concello estaría obrigado a elaborar no vindeiro ano un Plan Económico Financeiro que nun prazo máximo de dous anos puxera novamente as contas dentro dos marxes da estabilidade orzamentaria oficial.
Son electoralistas porque a trece meses das eleccións municipais e a un ano da finalización do mandato, presentan unha listaxe de obras e actuacións que resulta máis que sorprendente se temos en conta o pouco traballo feito nos case tres anos que levan ocupando o goberno do noso concello. E boa proba disto é que este documento aínda recolle investimentos do PAS 2015 e do POS 2017.
Estes orzamentos electoralistas deixan sen facer as necesarias reformas nas instalacións municipais do rural do concello. O Camiño Ancho, a Ribeiriña non terán, tampouco neste mandato, unhas vivendas para emerxencia social dignas. As asociacións de veciños tampouco terán locais acaídos aos seus fins nin unha programación de actividades pactada, consensuada e apoiada polo goberno do concello.
Pretenden encargarse no derradeiro ano do seu mandato de todo o que non quixeron ou non souberon arranxar nos anteriores: subvencións, estando sen convocar aínda as de 2017; parques infantís ou bio – saudábeis, ata o de agora abandonados e agora utilizados como reclamo electoral. E volven á carga coa Escola Municipal Infantil, aprobada en Pleno en setembro de 2015 e para a que non teñen aínda os terreos. Ou pretenden cambiar a faciana do cantón da Leña cunha actuación sobre o auditorio escolleita polos catro concelleiros de NP, sen escoitar máis opcións ou opinións.
Ou investir 111.000€ en dous proxectos en instalacións que non son de titularidade municipal.
O BNG, que asistiu ás reunións ás que foi convocado e que rexeitou a posibilidade de reunión bipartitas pola desconfianza que o goberno de NP lle causa, propuxo ao goberno incluír nos orzamentos as mocións presentadas por este grupo e aprobadas en pleno, moitas delas por unanimidade, pero NP rexeitou na práctica tal posibilidade porque as súas intencións son aprobar os orzamentos pola porta de atrás, legalmente si, pero pola porta de atrás e sen contar co apoio de ningún dos grupos da oposición.
Este grupo municipal non apoiou estes orzamentos porque non son os que o BNG desexa para A Pobra do Caramiñal, pois non serven para corrixir o devalo demográfico da nosa vila, nin para revitalizar o rural, nin para crear emprego, nin para dinamizar o comercio local, nin farán da Pobra do Caramiñal un concello máis habitábel, accesíbel ou seguro. Rexeitounos porque aquí non está a decidida aposta pola revitalización da vila; nin a aposta pola recuperación de vivendas e a súa incorporación ao mercado por medio de bolsas de alugueiro; non están as escolas obradoiro; non están as vivendas para emerxencia social nin os centros sociais na dimensión que este concello precisa; non está a seguridade viaria, mellora no tráfico, pasos de peóns, e zonas 30; non está a accesibilidade; tampouco está a defensa do medio ambiente, non está protección debida e necesaria da praia da Corna.
Tampouco está unha boa parte dos acordos e compromisos asinados polo goberno municipal de NP para a aprobación dos orzamentos de 2016, como o Servizo de Normalización Lingüística, a creación do CIM, a cubrición dun parque infantil ou a adecuación para fins sociais e cidadáns dos terreos ociosos da Onza de Oro.
Non está ningunha de tantas e tantas cousas propostas polo BNG e aprobadas en Pleno. Non están por certo a inmensa maioría das promesas electorais que NP fixo á cidadanía da Pobra no 2015