O BNG RECLAMA A EXECUCIÓN DOS ACORDOS APROBADOS EN PLENO DURANTE ESTE MANDATO.

Resumo do Pleno ordinario de febreiro 2019

casadoconcelloapobradocaraminal
Resumo do Pleno ordinario de febreiro 2019

Só houbo dúas propostas do Goberno Municipal neste pleno. A primeira, autorizar o investimento de 80.000 euros na compra dos terreos onde se ubica o castro da Croa para a súa posta en valor, foi aprobada por unanimidade. Na segunda, a sinatura do Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía, o BNG considerou que supón un compromiso demasiado esixente para ser aprobado a dous meses vista do comezo dun novo mandato polo se abstivo, ademais de criticar que o noso concello non se adhira a outros proxectos como a Asociación de Entidades Locais pola a Lingua.

Das tres mocións presentadas polo BNG, a primeira, a respecto do pintado e sinalización do aparcadoiro de San Lázaro, foi aprobada por unanimidade.

Moi distinta sorte correu a segunda, relativa ás actuacións desde o eido local a prol da igualdade entre homes e mulleres. Censurábase ao Goberno Municipal por non ter executado os acordos aprobados en pleno por unanimidade ao longo do presente mandato, como a creación do Centro de Información á Muller, a elaboración dun estudo de necesidades e posterior protocolo de actuación para o acompañamento e protección das mulleres vítimas de violencia de xénero, desenvolvemento de plans de emprego destinados á empregabilidade das mulleres, a erradicación do acoso laboral, etc. e esixía a execución de ditos acordos, ademais de apoiar as mobilizacións do movemento feminista para este 8 de marzo. A señora Varela perdeuse tratando de explicar “todo” o que fixeron pero sen aceptar todo o que non fixeron e que eles apoiaron cando se presentaron as propostas. NP votou en contra utilizando a descualificación e a terxiversación interesada como argumentos. O PP abstívose escudándose en que non apoian folgas, cando o que realmente sucede é que o Partido Popular nin cre na igualdade nin a quere. Así que, cos votos favorábeis só de BNG e PSOE, a moción non foi aprobada.

A terceira moción do BNG, a respecto da seguridade viaria, tamén recriminaba ao Goberno Municipal que multitude de actuacións moi necesarias para mellorar a seguridade, como o incremento e visibilización de pasos de peóns, obras de accesibilidade e zonas 30, reordenación do tráfico, aumento e mellora da sinalización, etc., aprobadas por unanimidade, seguen a día de hoxe sen executar. Esixiuse que se leven a cabo. O alcalde insistiu en que non terían problema en apoiar a moción se se cambiaban certos termos (denunciar a pasividade). O que non entende o Sr. Piñeiro é que non queremos que aproben máis mocións, senón que as leven a cabo. E novamente obtívose o voto en contra do goberno de NP. Pero neste caso si se aprobou a moción cos votos favorábeis de BNG, PSOE e PP.

As dúas mocións do PSOE obtiveron a unanimidade. Unha delas solicitaba o servizo de auga potábel e saneamento á zona das Carrouchas e a outra dotar á Policía Local de equipamento homologado.

As mocións do PP relativas, unha á redución da taxa de recollida de lixo e, outra, á elaboración dun censo municipal de persoas maiores que vivan soas,  foron aprobadas por unanimidade. A relativa á falta de resposta por parte do Concello aos escritos presentados polas distintas formacións políticas, que propoñía a reprobación do alcalde, aprobouse cos votos de BNG, PP e PSOE. Evidentemente NP votou en contra. E a que propoñía

Rematou o pleno en tempo. Mais o traballo do BNG continúa día tras día para mellorar a nosa vila.

Resumo do Pleno ordinario de febreiro 2019