O PP, EN CONTRA DOS TRABALLADORES E TRABALLADORAS DO PORTO.

Resumo do Pleno Ordinario de xullo de 2019

casadoconcelloapobradocaraminal
Resumo do Pleno Ordinario de xullo de 2019

No primeiro pleno do mandato 2019 – 2023 o BNG presentou tres propostas. Sen dúbida, a de maior envergadura foi a relacionada coa concesión de Portos de Galiza de 1.650m2 na explanada do porto comercial da Pobra  á empresa Alicrusa para instalar un máximo de 84 contedores frigoríficos. Esta concesión é absolutamente devastadora para o porto e para os seus traballadores e empresas. E así o expuxemos. Mais tamén é absurda porque, existindo como existen outras áreas nas que colocar tales contedores, Portos de Galiza escolle a peor opción, a que afecta moi negativamente ao traballo e á seguridade das persoas implicadas nas tarefas de descarga. Así o entenderon tamén Nós Pobra e o PSOE, pero non o PP, que votou en contra. O señor Durán tratou de debuxar un futuro de ampliacións das que esta sería a primeira proba, esquecendo o presente e os intereses xerais da Pobra, os dos traballadores e traballadoras do porto e os do sector marisqueiro entre outros.

Outra das iniciativas demandaba a colocación dunhas zonas de descanso con bancos na subida da rúa da Feira cara ao alto da urbanización do Lagar. Foi aprobada por unanimidade.

A outra, propoñendo ao colectivo Xubilados Pobra do Caramiñal como pregoeiros nas festas do Nazareno, retirouse, a petición do goberno, da orde do día. Decidiuse levar o acordo á Xunta de Portavoces.

Tres foron tamén as mocións do PP. A que reclamaba a reorganización do tráfico no Conchido recibiu unha emenda de NP para realizar un estudo urbanístico previo á reorganización. A moción foi aprobada por unanimidade. Non hai que esquecer que o BNG leva desde 2015 solicitando melloras no asfaltado e nas seguridade viaria da zona. Tamén foi aprobada por unanimidade a que propoñía que as atraccións das festas reservasen unhas horas para que os rapaces e rapazas con trastorno do espectro autista poidan disfrutar delas con tranquilidade. A que instaba ao goberno municipal a subscribir o convenio coa Xunta en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais recibiu o voto negativo do BNG por tratarse dun remendo totalmente ineficaz nunha política forestal que pouco a pouco vai acabando co sector, doutra falsidade máis do PP en canto aos incendios e a Galiza. Aínda así a proposta foi aprobada cos votos afirmativos dos demais grupos e a comunicación por parte do goberno municipal de que xa se está tramitando a sinatura do convenio.

O pleno rematou coa toma de posesión da concelleira Estefanía Ramos.

En setembro seguiremos presentando propostas que veñan mellorar este noso concello.

Resumo do Pleno Ordinario de xullo de 2019