O PLENO APROBOU A PROPOSTA DO BNG DE UNHA ACTUACIÓN INTEGRAL NA RIBEIRIÑA.

Resumo do Pleno de setembro 2018

casadoconcelloapobradocaraminal
Resumo do Pleno de setembro 2018

Un pleno máis no que o goberno municipal só presenta unha proposta, o resto foron mocións da oposición.

O BNG presentou as tres que lle corresponden. A primeira propoñía, outra vez, unha actuación integral (que xa levara ao pleno de outubro de 2015, no que se aprobara por unanimidade. Tamén volveu ao pleno no pasado mes de xuño, no que non se aprobou porque Nós Pobra votou en contra) na Ribeiriña e o Conchido con asfaltado, dotación de beirarrúas, iluminación, mobiliario urbano, sinalización e reorganización do tráfico, limpeza e acondicionamento do bordo litoral, empregando o superávit de 2017.Tamén se pedía a limpeza e acondicionamento da área antigamente ocupada por La Onza de Oro, dotándoa das infraestruturas necesarias para a práctica do deporte e o lecer da veciñanza (que xa fora incluída polo BNG nos acordos para aprobar os orzamentos de 2016). Ou sexa, ningunha das dúas cousas era unha novidade. O pasado xoves aprobouse outra vez por unanimidade. A ver se desta vai.A responsabilidade é do goberno.

A segunda, propoñía unha nova ordenación do tráfico na praza Irmáns Ageitos, restrinxindo o paso de camións e habilitando a saída máis ampla para evitar que o tráfico rodado e os peóns conflúan no paso de cebra e o dano ás casas e vehículos. NP agochouse detrás dun futuro regulamento, que todos e todas sabemos que non se vai presentar, para votar en contra. O PP tamén votou en contra por manter o que xa fixeron mal nun principio. E o PSOE abstívose.

A terceira moción tampouco era nova porque todos os anos é necesario recordarlle ao goberno as súas obrigas, sen moito éxito, por certo. Propoñía a preparación de gabias, cunetas, regos e camiños para a chegada da invernía, evitando así os problemas e deterioros que a escorrentía das augas causa. Aprobouse por unanimidade.

Polo demais, aprobouse a acta do pleno do 3 de maio (empezamos a acumular retrasos).

Unha nova proposta de modificar a regulación do prezo público pola asistencia ás actividades desenvoltas no marco dos obradoiros de conciliación e o servizo madruga para adaptalo ás necesidades dos colexios que se incorporaron ao programa e dos usuarios foi aprobada por unanimidade. A ver se queda así desta, aínda que teñamos as nosas dúbidas, pois a proposta recibiu unha alegación do propio goberno antes de ser votada.

Das tres mocións que presentou o PP, dúas tiñan como obxectivo repoñer os honores e espazos municipais a Segundo Durán e a Fernández Albor, revogados polo ditame do Consello Consultivo de Galicia, que observou irregularidades naquelas aprobacións. Absorbido pola contemplación do seu embigo, o PP confunde as necesidades da Pobra coas súas idolatrías e, a pesares de teimar, segundo o seu portavoz, na vía xudicial, levan o discurso da discusión e da división ao pleno. Ignoran, ou fan que non coñecen, o Regulamento de honras e presentan unhas propostas que saben que non poden saír porque non se molestaron en tratar de recoller os apoios precisos, ata o extremo de que unha delas non cumpría os requisitos necesarios para ser aprobada, se fora o caso. Os argumentos, pobres. As intencións, electoralistas. Beneficios para veciños e veciñas, ningún. As dúas propostas foron rexeitadas cos votos negativos de BNG, PSOE e NP.

A terceira proposta do PP pedía executar a sentenza, de 2014, que obriga a abrir o camiño que discorre dende os Areos ata a praia de Niñeiriños, no Maño. Aprobouse por unanimidade.

Das dúas presentadas polo PSOE, a relativa ao mantemento das baldosas nas beirarrúas e das luminarias aprobouse por unanimidade. Este é outro tema recorrente nos plenos. O BNG xa presentara unha no mesmo sentido en abril deste ano, aprobada tamén por unanimidade, con escasos resultados. A moción relativa a adoptar medidas respecto á poboación crecente de xabaril e os danos causados pola especie, foi emendada por NP co apoio do BNG, para eliminar o punto que pretendía o incremento de batidas. Hai outras maneiras de diminuír a poboación de xabarís e os danos, e as batidas xa se mostraron ineficaces. Coa emenda, a moción foi aprobada cos votos de BNG e NP. PP e PSOE votaron en contra, tanto da emenda como da moción.

O Pleno tamén aprobou unha moción presentada polo BNG por vía de urxencia solicitando o apoio da corporación aos "19 de Meirás" que iniciaron o venres día 28 as súas declaracións nos xulgados de Betanzos, tras a demanda criminal presentada pola familia do ditador e a Fundación Franco por realizar un “acto cívico, pacífico e democrático para reclamar que o Pazo de Meirás sexa devolto ao patrimonio galego”. A moción foi aprobada polos votos a favor do BNG e NP, a abstención do PSOE e o voto en contra do PP

Resumo do Pleno de setembro 2018