Resumo Pleno Extraordinario setembro 2019

casadoconcelloapobradocaraminal
Resumo Pleno Extraordinario setembro 2019

O Pleno do xoves 12 de setembro foi extraordinario. Por dúas razóns: porque así o cualificou, seguindo o regulamento, o goberno local, e porque foi, realmente foi, extraordinario.

Coma en tantas competicións deportivas houbo dúas metades.

Unha, a primeira, resolvendo cuestións que interesan de xeito moi importante a toda A Pobra. Notouse ben, porque as tres foron aprobadas.

As obras nos arredores do Campo da Alta e no edificio auxiliar da Escola Unitaria da Granxa, dentro da achega adicional do POS+2019, case 185.000€, dos cales a Deputación da Coruña aporta 166.000€.

As tarifas do servizo Madruga, que debe facilitar a conciliación da vida familiar e laboral e moi especialmente axudar ás familias máis vulnerábeis e necesitades. Tratábase neste caso de colaborar coas ANPAS na prestación do servizo de atención aos nenos e nenas durante o horario de comedor.

Ámbalas dúas, primeira e terceira na orde do día, co voto favorábel unánime da corporación.

A segunda propoñía a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) para acomodala ás necesidades creadas pola lei 27/2013, que no caso do noso concello obriga á provisión dunha praza de Tesoureiro con habilitación estatal. Aprobouse cos votos do goberno e BNG, votando o PP en contra.

A segunda metade, dúas mocións, interesaban exclusivamente ao goberno, que buscaban a aprobación no pleno do persoal eventual e dos cargos con dedicación exclusiva. Os argumentos da señora Varela, decididamente fóra de si, foron inconsistentes e dende logo ofensivos.  Espallou consellos ao chou, doutros concellos onde acadaron pactos de goberno, pero agochou a incapacidade do seu grupo en chegar a acordos coa oposición e fixo a promesa de seguir erre que erre levando os asuntos ao pleno sen tratar de lograr pactos que garantan os acordos. As comparacións feitas cos desempeños doutros membros da corporación foi insultante. E para rematar o dislate dúas mostras: a argumentación da señora Lojo, que por un pouquiño deixou de ser goberno, aínda que non tanto, e o argumento de que as conversacións co BNG (menos de dez horas) dificultaba os traballos do grupo de goberno.

Resumo Pleno Extraordinario setembro 2019