MOCIÓN a respecto do acondicionamento da contorna da antiga Escola Unitaria da Ponte Barbanza.
Presentada para debate no Pleno Ordinario de febreiro 2018
Fai xa moitos anos que a Ponte Barbanza non ten Escola Unitaria. Unha vez desafectada, alguén tomou a decisión de derrubar o edificio. Nin se mantivo en uso como as do Vilariño, O Campo/Angustia, ou A Granxa), nin se deixou esmorecer lentamente como as da Ribeiriña ou Camiño Ancho), nin arruinar definitivamente como a dos Casás.
A día de hoxe da Escola Unitaria da Ponte Barbanza só quedan os restos dunha plataforma que un día quixo ser algo máis e uns accesos descoidados.
Igual que tantas outras áreas non urbanas do noso concello, a zona da Ponte Barbanza / Crocha de Poñente é deficitaria en equipamentos sociais para o lecer e gozo da súa veciñanza ou en instalacións para a práctica deportiva, nomeadamente nas franxas de idade máis novas.
Por todo o exposto, solicítase ao pleno da corporación a adopción do seguinte
ACORDO
- Realizar as obras necesarias para recuperar os terreos da antiga escola unitaria da Ponte Barbanza para o uso comunitario, refacendo a pista e adaptándoa á práctica deportiva e construíndo un peche perimetral.