A recuperación da memoria histórica e o goberno de Nós Pobra
Hoxe, venres 21 de setembro de 2018, celébrase un acto organizado pola Deputación da Coruña para recuperar a historia das corporacións municipais que fixeron fronte ao golpe militar de 1936, tanto no ámbito urbano, como no vilego e no rural.
O acto consistiu na presentación do libro "Xeración Perdida. Representatividade institucional e represión. As Corporacións municipais da provincia da Coruña na II República"
A equipa de investigación responsábel da publicación está composta por membros de HISPONA e colaboradores externos do grupo: Emilio Grandío Seoane, Eliseo Fernández Fernánez, Alfonso Iglesias Amorín, Rosalía Regueiro Méndez e Manuel Pérez Lorenzo.
Os obxectivos do proxecto son ampliar o coñecemento sobre os concellos da provincia da Coruña na fase final da II República, retratar a vida política destes na última etapa do período republicano e recuperar a memoria das corporacións democráticas derrocadas polo golpe militar de 1936 (ver https://www.dacoruna.gal/cultura/xeracion-perdida).
A Deputación enviou o 5 de setembro una carta aos alcaldes da provincia na que se dicía:
“Desde a Deputación da Coruña queremos que a presentación do libro e, de maneira especial, da listaxe xa completa de persoas represaliadas que ocupaban cargos institucionais nas corporacións locais sexa un acto de homenaxe a quen tanto deu na defensa da liberdade e da democracia e, por iso mesmo, gustaríanos contar coa túa presenza no acto que terá lugar o vindeiro 21 de setembro ás 12.30 na Sala Juanjo Gallo do Pazo Provincial.
Agradeceriámosche que fixeses extensible o convite aos membros do goberno local e aos grupos que forman parte da corporación do teu concello co fin de que poidan participar neste acto de homenaxe. Sería de especial interese que, desde o propio concello, puiderades localizar as persoas familiares dos cargos represaliados para que sexan partícipes tamén da convocatoria e poidamos mostrarlles o recoñecemento público como herdeiras que, sen dúbida, tamén sufriron os efectos da represión.”
Pois ben, este grupo municipal non foi informado sobre tal convite, a pesar de que o portavoz municipal do BNG solicitou información ao respecto ao alcalde (vía guasap) o día 18 de setembro, recibindo como única resposta un “Non o sei. Miro e che digo”. Nunca máis dixo nada. E iso que o seguinte día, o señor Piñeiro, por propia iniciativa, decidiu crear un grupo de guasap pomposamente nomeado Corporación Municipal no que incluíu a todos os concelleiros e concelleiras.
Escasísimo compromiso coa recuperación da memoria histórica e do nome e dignidade dos represaliados polo franquismo e os seus raposos.
Falta de respecto aos familiares dos homenaxeados pola Deputación.
Desconsideración e falta de cortesía cos membros da Corporación, furtándolle a posibilidade de acudir (ou non) a un acto tan especial e emotivo.
Amnesia dos ideais e dos sinais de identidade que din partillar. De esquerdas? Vaia, ho!