O BNG da Pobra esixe a revogación dos acordos do pleno do 1 de outubro.

Pleno 4
Pleno 4
O BNG da Pobra esixe a revogación dos acordos do pleno do 1 de outubro.

O Pleno municipal, órgano onde están representados tódolos veciños, a través dos concelleiros electos por cada partido político, celébrase na Pobra do Caramiñal de maneira ordinaria cada dous meses.

No Pleno de Setembro, os dous concelleiros do BNG, ante a renovación dos cargos electos da súa organización, presentan en dito órgano a súa renuncia, sendo este un requisito legal previo para que os novos concelleiros tomen posesión, acto que se celebraría no seguinte pleno de novembro, unha vez que a Xunta electoral validara a documentación solicitada.

Transcorridos tres días hábiles deste trámite administrativo de renuncia, o equipo de Goberno de Nós Pobra e o PSOE, coñecedores da situación convocan un Pleno Extraordinario con carácter de urxencia para aprobar a seguinte proposta:

“ 1- Votación de urxencia da sesión.

2-Proposta da Alcaldía designación de dedicacións, réxime económico das asistencias e indemnizacións e asignación aos grupos políticos.

3- Proposta da Alcaldía determinación do número e réxime de persoal eventual”.

A sesión plenaria celébrase o 1 de outubro e apróbanse os acordos coa soa asistencia dos grupos que forman parte do Goberno municipal, ante a ausencia forzosa e obrigatoria por un proceso burocrático dos edís do BNG, o que daba unha accidental e non real maioría ao equipo gobernante.

Ante isto o BNG manifesta que o Pleno Municipal é o órgano máximo de goberno, depositario do mandato democrático saínte das urnas e que nunca xamais se debe usar de maneira partidaria, e moito menos antidemocrática, pois aproveitouse unha maioría numérica temporal que non responde á vontade popular. É necesario recuperar o mandato popular nas decisións plenarias e restituír a democracia nas institucións municipais.

Por todo o exposto o BNG da Pobra rexistrou unha moción a debater no Pleno ordinario de novembro na que propón o seguinte:

Revogar os acordos tomados na sesión extraordinaria e urxente do Pleno da Corporación celebrado o 1 de outubro de 2019.
O BNG da Pobra esixe a revogación dos acordos do pleno do 1 de outubro.