O grupo parlamentar do BNG presenta dúas preguntas no Parlamento de Galiza interesándose polo estado da Rúa Fernández Albor e a súa continuación, e o aparcadoiro anexo.
O grupo municipal do BNG-AA ten denunciado en varias ocasións e por distintos medios as deficiencias da rúa Fernández Albor e a súa continuación, e tamén do aparcadoiro anexo. Así no mes de febreiro do ano pasado expoñendo que: “A Rúa Xerardo Fernández Albor e a súa continuidade ata o paseo dos Areos presenta un deterioro moi grande, co firme mal coidado e con numerosas fochancas, o que representa un perigo para os camiñantes e, nalgúns lugares, como no afundimento na saída do recheo no cruce coa Avenida Castelao, un risco para a circulación e dende logo a posibilidade de danos nos vehículos”. Remataba solicitando que o goberno municipal xestionara diante de quen corresponda o arranxo á maior brevidade das rúas xa citadas, incluíndo en tal arranxo as fochancas existentes. Ou a solicitude rexistrada o pasado día 2 de marzo, instando ao goberno municipal a xestionar á maior brevidade co organismo Portos de Galicia o arranxo adecuado e definitivo do pavimento das rúas que son da súa titularidade e a sinalización do recheo co fin de corrixir dunha vez por todas as deficiencias das vías mencionadas.
Non foi ata novembro ou decembro de 2017 que se viron unhas máquinas realizando traballos de reparación (?) da tapa de asfalto das rúas mencionadas. E fai poucos días víronse operarios traballando na instalación eléctrica da zona co resultado, cando menos polo momento, de mellora na iluminación, o que debe influír favorabelmente na seguridade viaria.
Os traballos sobre a tapa, moi por debaixo das necesidades mínimas da zona, tiveron un resultado absolutamente nefasto, que deixaron esas vías en peores condicións das que tiñan antes dos traballos.
Preocupados polos desleixo de Portos de Galiza, titular da zona, polas necesidades deste concello, este grupo municipal solicitou do grupo parlamentar do BNG no Parlamento de Galiza a presentación de dúas preguntas, para resposta oral en comisión e para resposta escrita, relativas a diversos arranxos na zona portuaria da Pobra do Caramiñal.
O deputado autonómico Xosé Luis “Mini” Rivas Cruz visitou hoxe día 2 de marzo A Pobra do Caramiñal para informar de ámbalas dúas iniciativas, que inclúen:
- Que valoración realiza a Xunta de Galiza e Portos de Galiza sobre a actuación de mellora da rúa Fernández Albor e a súa continuación até o Paseo dos Areos?
- Son coñecedores do resultado final desa actuación e da inutilidade para arranxar os problemas que presenta a rúa?
- Considera a Xunta de Galiza e Portos de Galiza que os veciños e veciñas da Pobra non son merecedores dunha infraestruturas decentes e acordes coas necesidades que teñen que cumprir?
- Ten previsto a Xunta de Galiza e Portos de Galiza deixar a situación desta rúa no estado actual?
- Que actuacións ten previsto a Xunta de Galiza e Portos de Galiza levar adiante que permitan arranxar dunha forma satisfactoria a situación da vía cun tratamento que renove a totalidade do seu firme?
- É coñecedora a Xunta de Galiza e Portos de Galiza da situación de inseguridade viaria que se produce na zona de aparcamento no recheo portuario da Pobra do Caramiñal? Que valoración lle merece esa situación?
- Ten previsto a Xunta de Galiza e Portos de Galiza deixar a situación desta zona de aparcamento no estado actual?
- Ten previsto a Xunta de Galiza e Portos de Galiza levar adiante actuacións que permitan dotar dunha sinalización vertical e horizontal completa a esta zona?
- Como vai resolver Portos de Galiza a situación de inseguridade viaria causada pola falla de iluminación do aparcadoiro e que actuacións ten previsto realizar na zona obxecto desta pregunta para arranxar de xeito satisfactorio a condición de iluminación do aparcadoiro?