MOCIÓN relativa a melloras no polideportivo municipal de Venecia
Xosé Manuel Casal Sabín, concelleiro do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego-Asembleas Abertas neste Concello, presentou para a súa inclusión e debate na vindeira sesión plenaria, a seguinte MOCIÓN relativa a melloras no polideportivo municipal de Venecia
O polideportivo municipal de Venecia é unha das instalacións deportivas máis importantes do noso concello e imprescindíbel para a práctica de moitas disciplinas deportivas. Porén, actualmente presenta moitas deficiencias que están a deteriorar a instalación e que causan problemas para o seu uso, chegando a ser suspendida algunha actividade deportiva por esas causas.
O principal problema a día de hoxe, e o que require un arranxo inmediato, é o deterioro da cuberta e a existencia de goteiras. Está situación está a afectar ao teito interior, cheo de humidades, pero sobre todo á madeira da propia pista deportiva que nalgúns lugares está xa levantada e en moitos outros non presenta o necesario nivel de coidados. Realizáronse labores de parcheado pero o aspecto xeral segue a ser de falta de mantemento e con moitas das liñas que sinalan os distintos campos de xogo levantadas ou completamente desgastadas.
Outra cuestión á que habería que dedicarlle atención son as gradas que están agretadas e tamén afectadas de humidades. Así mesmo os vestiarios precisan dunha renovación e sobre todo dunha atención máis intensa e un maior mantemento.
As cestas de baloncesto, así como outros elementos similares e necesarios para o desenvolvemento das competicións presentan deterioros que non son reparados.
En definitiva, a instalación presenta unha situación moi mellorábel vinculada a un mantemento deficiente, a maiores de cuestións que requiren unha actuación concreta e urxente como as filtracións da cuberta e o deterioro da pista.
En base ao exposto, o Grupo Municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte
A C O R D O
O goberno municipal desenvolverá as actuacións precisas para arranxar os deficiencias sinaladas así como un plan de mantemento máis intenso que o actual que permita manter a instalación en óptimas condicións de uso.