NA PROCURA DA CONFIANZA PERDIDA

Resumo do Pleno Ordinario de abril 2018

casadoconcelloapobradocaraminal
Resumo do Pleno Ordinario de abril 2018

Aprobouse a acta do pleno de febreiro. 

Sen dúbida a aprobación inicial dos orzamentos 2018 era o punto principal do pleno de abril. O goberno municipal presentou as contas da leiteira, un orzamento de máis de  nove millóns e medio de euros, dos que un millón depende da concesión dunhas subvencións do estado e outro millón sería dun préstamo bancario. As obras son máis do mesmo. Apenas nada para seguridade viaria e accesibilidade, creación de emprego, revitalización do rural, dinamización do comercio, ou asentamento de poboación. O goberno municipal mantívose na súa eterna e infundada ladaíña de que teñen a man tendida e a oposición non quere acordos pero non lle agradaron as propostas do BNG de incorporar os compromisos dos orzamentos de 2016 ou algunha das mocións aprobadas en pleno, moitas delas por unanimidade. Mais a realidade é, como dixo o portavoz do BNG, que están forzando a aprobación dos orzamentos pola porta de atrás, de aí as présas, porque se lles esgotaba o prazo para vincular os orzamentos a unha moción de confianza.

Non foron aprobados, como posibelmente desexaba o goberno, do que saíron os únicos votos favorábeis. BNG e PSOE abstivéronse e PP votou en contra.

A continuación o Patrón maior da Pobra defendeu no nome da confraría e das asociacións de mexiloeiros unha moción sobre a importancia do sector do mar de Arousa na economía local, pedindo o apoio para a denegación  de explotación da mina de Touro a unha multinacional, asunto que o BNG xa levara ao pleno de xaneiro e que contara cos votos a favor de BNG, NP e PSOE. Desta a moción foi aprobada por unanimidade, pois tamén o PP votou a favor. Non é de fiar este cambio en só tres meses, pois o PP tennos moi afeitos a votar unha cousa e facer outra, tanto en Santiago como en Madrid.

Do BNG debatéronse dúas mocións, mais antes de comezar o seu debate a concelleira Cristina Andrade solicitou e lle foi concedida autorización para lembrar que esa tarde se celebraran concentracións na inmensa maioría de localidades (na Pobra non) en protesta pola sentenza da “Manada”, dramática e inadmisibelmente machista e deu lectura ao manifesto da Marcha Mundial das Mulleres.

Das dúas mocións, unha era para o arranxo de beirarrúas e mellora na accesibilidade e seguridade viaria, aprobada por unanimidade, e outra para o mantemento das pensións dignas para os galegos e galegas. Nesta, tanto PSOE como NP pediron a retirada dos acordos que propoñían reclamar a xestión da Seguridade Social para Galiza (como recolle o Estatuto de Autonomía) e que as empresas con centros de traballo en Galiza paguen impostos e coticen aquí. Teñen interiorizado o prexuízo de que somos un país subsidiado e parece que é esa a situación que desexan. A moción non foi aprobada por nacionalista; tivo os votos en contra de PP e NP e a abstención do PSOE.

Tamén se debateron tres mocións do PP adiadas do pleno anterior, que se aprobaron por unanimidade (para que logo diga o goberno municipal que é imposíbel alcanzar consenso): unha relativa á reparación e instalación de parques biosaudábeis na que NP introduciu a súa emenda de costume relativa ás demandas da veciñanza (letanía que habitualmente serve para retrasar sine die as actuacións que se aproban en pleno), outra para a reparación e conservación dos lavadoiros, e a última sobre a incidencia do gas radon na nosa vila.

Unha vez máis quedaron mocións pendentes de debater, 6 concretamente. Dá a impresión de que remataremos o mandato sen dar chegado nunca á parte de control de órganos de goberno. Non se nos pon fácil o noso labor fiscalizador da acción do goberno.

Resumo do Pleno Ordinario de abril 2018