PARTICIPAR VS PRIORIZAR

Resumo do Pleno Ordinario de maio 2018

casadoconcelloapobradocaraminal
Resumo do Pleno Ordinario de maio 2018

Ía máis ou menos ben o Pleno de maio cando chegou a quenda dunha moción do BNG relativa ao incumprimento do Regulamento de Participación Cidadá do noso concello. Tal regulamento entrou en vigor o 4 de marzo de 2017. Non máis tarde do 4 de setembro do mesmo ano o goberno “participativo” de NP tiña, obrigatoriamente,  que levar ao Pleno a formación do Consello de Participación Veciñal e os Consellos sectoriais ou de áreas. Non o fixeron, e o BNG solicitou ao pleno a reprobación da concelleira de participación, Charo Varela, e a inmediata acción do goberno cumprindo coa súa obrigación de desenvolver dito Regulamento. O PP propuxo unha emenda ao primeiro acordo na que estendía a reprobación ao Alcalde, “como máximo responsable do concello”.

Como tantas outras veces, o Alcalde non desaproveitou a oportunidade de soltar un desafortunado comentario:   “Unha gran aportación”, dixo, acompañando o sarcástico comentario dun leve risiño. Mañas por outra banda habituais no señor Piñeiro, que adoita facer este tipo de comentarios sarcásticos a respecto da oposición nos plenos, ou da cidadanía, cada vez que lle peta e alguén lle discute o seu discurso Luís XIV. Cando o portavoz do PP lle afeou o comportamento e solicitou desculpas, o Alcalde, a pesares de cualificar a súa acción de parvada (tontería, empregou el), negouse, motivando que o PP se levantase e abandonase o Pleno.

Os argumentos da concelleira Varela aludindo a que as súas prioridades son outras, así como os votos do equipo de goberno en contra da emenda e da moción, amosan ben ás claras o compromiso participativo de NP, de xoguete, para aparentar. E o comportamento do Alcalde tamén. A moción non se aprobou, ao estar ausente o PP, só polos votos negativos de NP, facendo uso do voto de calidade do alcalde.

Debatéronse outras dúas mocións do BNG. A primeira, procedente do pleno de abril, relativa a esclarecer a titularidade (pública ou non) dunha parcela na Ribeiriña, diante do antigo almacén da Onza de Oro, aprobouse por unanimidade. O alcalde comprometeuse a informar ao BNG das conclusións tiradas das xestións que se están a facer diante dos organismos correspondentes da Xunta.  

A outra moción do BNG trataba sobre a mellora na accesibilidade no concello e tamén foi aprobada por unanimidade. Ao recordarlle que algunhas das accións xa foran aprobadas por unanimidade en 2016, o goberno municipal explicou que “están trabajando en ello” e estudando distintas opcións. Como sigan estudando van quedar sen tempo de executar nada.

O Pleno, que tiña 16 puntos na orde do día, tamén aprobou a acta do pleno de marzo pasado e o pagamento dunhas facturas correspondentes ao 2017 (coa abstención do PSOE) e a resolución do procedemento de revisión de oficio dunhas licenzas urbanísticas (coa abstención de PP e PSOE). 

Na moción do PSOE  para mellorar as deficiencias do centro de saúde o BNG presentou unha emenda para engadir un punto no que se instaba ao SERGAS a rematar o proceso de cesión iniciado no 2010, asumindo este todas as competencias de mantemento e limpeza. Curiosamente o PP, que fora quen iniciara daquela os trámites, agora negouse en redondo. A emenda aprobouse cos votos favorábeis (tamén no conxunto da moción) de BNG, PSOE  e NP e o voto en contra do PP, que na votación da moción emendada se abstivo.

Tamén do PSOE foron unha moción para recuperar o dereito de acceso universal á atención sanitaria aprobouse cos votos de PSOE e NP e o voto de calidade do alcalde, a abstención do BNG e o voto en contra do PP. Outra sobre a Lei de Montes, aprobada cos votos de PSOE e BNG e a abstención de NP. E a relativa á creación de plans e liñas de actuación contra a venda e o consumo de drogas na vía pública, que foi aprobada por unanimidade, igual que as dúas mocións do PP, unha sobre o deteriorado estado do mobiliario urbano no Paseo do Areal,  e outra relativa á falta  de dilixencia nos trámites de apertura e concesión dos locais do Mercado Municipal.

De novo rematou o Pleno sen que se viran todos os puntos incluídos na orde do día. Será que esta moda chegou para ficar.

Resumo do Pleno Ordinario de maio 2018