PLENO ADIANTADO, MOCIÓNS ATRASADAS
Resumo do Pleno Ordinario de marzo de 2018
O Pleno de marzo presentábase como un pleno lixeiriño, practicamente só mocións, vellas e novas.
Víronse cinco do BNG, dúas arrastradas doutros plenos e tres de marzo. A primeira solicitaba o acondicionamento da contorna da antiga escola unitaria da Ponte Barbanza para o seu uso comunitario, refacendo a pista e adaptándoa á práctica deportiva. O señor Castro, concelleiro do PP, tivo tempo para amosar un pouquiño do seu persoal fol de veleno e o goberno municipal propuxo unha emenda que consistía en engadir ao acordo proposto “ou ben acondicionándoa para calquera outro uso público que sexa demandado pola veciñanza da zona.” Sería bonito se fose certo, pero vindo dun goberno que segue sen executar acordos plenarios na Ribeiriña e Santa Cruz agochado tras a consulta popular, un goberno que segue sen desenvolver o regulamento de participación cidadá, soa a propaganda da mala. Vaia un a saber porque a concelleira señora Hermo mesturou a pista da Granxa coa da Ponte Barbanza, pero a verdade é que xa nos ten acostumados a cousas aínda máis chistosas. A emenda aprobouse cos votos de BNG e NP e as abstencións de PP e PSOE. A moción aprobouse por unanimidade.
A segunda moción do BNG, tamén de febreiro, propoñía que o goberno municipal contactara cos/as responsábeis de todas as páxinas web e redes socias nas que se detecte o uso deturpado do noso topónimo e desenvolva as actuacións necesarias para corrixir esa situación e lograr o respecto e uso do noso nome correcto e oficial, A Pobra do Caramiñal. Aprobouse por unanimidade.
A primeira moción de marzo do BNG propoñía que o goberno municipal leve a cabo os arranxos necesarios para devolver aos terreos municipais anexos ao campo da Alta o aspecto e a utilidade que tiveron antano e realice de agora en diante os traballos de mantemento para que se conserven. Segundo o informado polo grupo de goberno teñen plans de actuación na zona e no paseo exterior. Aprobouse por unanimidade. Quedan dous meses para a campaña de verán.
A segunda poñía o foco sobre o deterioro que está a sufrir o barrio dos cataláns e propoñía os seguintes acordos:
O goberno municipal executará de inmediato os acordos tomados no pleno ordinario de setembro de 2016 e tomará as medidas necesarias para cumprir coas súas obrigacións demanantes da cualificación que o PXOM da Pobra do Caramiñal otorga ás tres naves xa citadas.
O goberno municipal instará a Administración do Estado a actuar de forma urxente ao rescate das concesións da zona do Barrio dos Cataláns, de xeito que se poida iniciar canto antes a recuperación da zona.
O goberno municipal instará á Administración do Estado a acordar coa Administración Local a segunda fase do proxecto de rexeneración ambiental das Xunqueiras de Santo Antón.
Xa na mencionada moción do BNG aprobada en setembro de 2016 o goberno da Pobra do Caramiñal comprometíase a realizar de forma inmediata un proceso participativo para a toma de decisión do uso das naves unha vez recuperadas, contando coa participación de expertos en diferentes eidos ... Informou o alcalde que dende o 19 de marzo tiñan coñecemento da recuperación das naves para o dominio público e que pretenden facer obras que freen o deterioro das naves. Toca, xa que logo, decidir o uso futuro das construcións e deseñar de novo a segunda fase da rexeneración das Xunqueiras de Santo Antón. Igual que en setembro do 2016 votamos a favor BNG, NP e PSOE. O PP abstívose, como daquela.
A terceira e última moción do BNG propoñía que o goberno municipal desenvolva un plan de actuación no campo de fútbol de Cadreche para facerlle fronte ás actuacións e necesidades desa instalación, en colaboración e comunicación directa coas persoas e clubs usuarios, e destinar unha persoa do cadro de persoal do noso concello cunha atención directa e prioritaria ao mantemento deste campo e do Estadio da Alta, como xa existiu no pasado, e como mellor garantía de ter unha resposta rápida e continua nese mantemento. Aprobouse por unanimidade.
Ademais, o Pleno aprobou as actas dos plenos ordinarios de novembro de 2017 e xaneiro 2018.
BNG, NP e PSOE aprobaron o reinicio do procedemento relativo á revisión de oficio dos nomeamentos de fillo adoptivo dos señores Durán Casais e Fernández Albor, que o Consello Consultivo devolveu por un erro na redacción do documento enviado que ocasionou a caducidade dos trámites. O PP votou en contra.
PSOE e PP presentaron sendas mocións a respecto dos ruídos nocturnos que impiden o descanso dos veciños. O BNG insistiu en respectar e atender os dereitos dos donos dos bares sinalados e os dos veciños, e insistiu en que o goberno municipal tome as medidas suficientes para garantir ambos. Di o señor alcalde que co o aparato de medición acústica do que dispón o concello non permite sancionar, pero que proximamente se van contratar os servizos dunha empresa que mida os ruídos e avalíe as queixas e condutas dos afectados. En ambos os dous casos votaron a favor PSOE, PP e BNG. NP abstívose na do PSOE e votou en contra na do PP.
O PP tamén defendeu a enésima relativa á perda do novo centro de saúde. O BNG recriminou os usos electoralistas do PP coa construción dun centro de saúde e o abandono do existente. E tamén criticamos a postura do goberno de NP que foi incapaz de atopar un lugar no que situar tal centro de saúde, de existir; por exemplo, no mesmo sitio que o actual. Votou a favor o PP, en contra NP e abstivéronse BNG e PSOE.
O PP propuxo retirar da orde do día a súa seguinte moción en relación ao 8 de marzo, Día Internacional da Muller, por entender que vindo de febreiro estaba fóra de contexto. Votaron a favor da retirada PP, BNG e PSOE. NP abstívose.
Tamén se debateu unha moción do PSOE, de febreiro, solicitando a bonificación no Imposto de circulación para vehículos híbridos e eléctricos, que foi aprobada por unanimidade.
Correspondentes ao marzo, o PSOE defendeu unha moción en relación ao acordo entre a FEMP e o Ministerio de Facenda para que os concellos poidan investir os seus superávits. Aprobouse cos votos do PSOE, PP e NP. O BNG abstívose. A derradeira moción do Pleno, tamén do PSOE, propoñía inmediata actuación en materia de pesca. Os argumentos, baseados nos da patronal española da pesca, eran cando menos confusos e por tal razón o BNG abstívose. De igual xeito votou NP. A moción aprobouse cos votos do PSOE e o PP.
De novo non se completaron os puntos da orde do día. Desta vez quedaron sen debater tres mocións do PP. E unha vez máis nin informes nin respostas da Alcaldía.