O BNG DEFENDE A SANIDADE PÚBLICA E A POSTA EN VALOR DO NOSO PATRIMONIO.

Resumo do Pleno ordinario de xaneiro do 2019

casadoconcelloapobradocaraminal
Resumo do Pleno ordinario de xaneiro do 2019

O BNG presentou tres mocións. Unha en defensa da sanidade pública e outras dúas instando á posta en valor do noso patrimonio cultural.

A primeira poñía de manifesto as terríbeis consecuencias que están tendo as nefastas políticas da Xunta en materia de sanidade cos recortes e a privatización de servizos, descalabrando a atención primaria e precarizando os recursos dos hospitais públicos. A moción insta á Xunta de Galicia a cubrir todas as prazas de facultativos no Centro de Saúde da Pobra, á mellora da atención primaria en toda Galiza, a cubrir todas as prazas vacantes, a eliminar as listas de espera, a reverter as privatizacións, a eliminar o copago farmacéutico e, para lograr todo isto, evidentemente, a incrementar o orzamento en sanidade. Como era de esperar, PSOE, NP e BNG votamos a favor e o PP votou en contra, negando a evidencia e invocando a Venezuela sen vir a conto, como é habitual en todos os foros.

En defensa do patrimonio presentamos dúas mocións. Unha delas instando ao goberno municipal a acometer os trámites precisos que permitan a adhesión do concello da Pobra ao convenio para o proxecto do parque arqueolóxico da Idade do Ferro. Trátase de poñer en valor os castros da comarca e establecer un roteiro. É un proxecto ben interesante, financiado pola Deputación con 500.000 euros, que permitiría dar a coñecer a veciños e visitantes o noso acerbo cultural. A raíz da presentación desta moción, o goberno municipal incluíu un punto na orde do día para votar a adhesión. Moción e adhesión foron aprobadas por unanimidade.

A outra moción pretende que se investigue a situación irregular do cruceiro de San Lázaro nunha finca privada e que se devolva a unha ubicación pública ese ben que é de todos e todas. PP e PSOE abstivéronse agochados detrás da redacción dos motivos, esquecendo a mantenta que o que se aproba son os acordos e non os motivos nin os argumentos empregados. Aínda así a moción foi aprobada cos votos de BNG e NP.

O PSOE presentaba dúas mocións, unha instando á Xunta a utilizar os mesmos criterios de transparencia, simplicidade e ecuanimidade que emprega a Deputación no reparto dos cartos aos concellos, criterios que instaurou o BNG ao principio deste mandato no que cogoberna. Xa o BNG presentara esta mesma proposta nun pleno anterior. Nin daquela nin agora gustou isto da transparencia e a ecuanimidade ao PP que votou en contra. A moción aprobouse coas votos de PSOE, NP e BNG. A segunda solicitando medidas para paliar a falta de efectivos na Policía Local. Esta aprobouse por unanimidade.

Das tres mocións presentadas polo PP, a primeira, de demagoxia preelectoral, solicitaba a recusación do Alcalde e a Concelleira de Dinamización Económica por non aplicar unha redución no gravame do IBI solicitada por eles no 2017. Aprobouse cos votos afirmativos de PP e PSOE, a abstención do BNG e o voto en contra de NP. A segunda esixía a convocatoria e pagamento das subvencións aos clubs deportivos das anualidades de 2017 e 2018, que seguen acumulando retrasos que veñen de moi lonxe, de anteriores mandatos. Por suposto tamén incluían reprobación. Aprobouse cos votos de PP, PSOE e BNG e o voto negativo de NP. A última pedía o asfaltado, limpeza e arranxos das diferentes estradas, miradoiros e zonas de lecer do entorno da Curota. Aprobouse por unanimidade.

O BNG continúa a facer propostas que redundan en beneficio de todos e todas, sempre na procura de que se executen as propostas presentadas no seu programa electoral. Ese é o noso compromiso e así o demostramos

Resumo do Pleno ordinario de xaneiro do 2019