PASADO, PRESENTE E FUTURO
Resumo do Pleno Ordinario do mes de xullo de 2018
Permitide que comecemos polo que consideramos máis , moito máis, importante.
O Pleno de xullo de forma indirecta pero clara expuxo a maneira de facer do PP ao longo dos anos pasados, e deixou no aire o temor a consecuencias futuras imposíbeis de definir arestora.
Os puntos 3, 4 e 6 eran, de feito, un exame ao (mal) facer do PP ao longo dos seus catro mandatos.
3. CONVENIO URBANÍSTICO “Dr. Lamas y Andrés”: Leva movéndose polos xulgados practicamente dende que se asinou, o ano 2002. O goberno do PP deixou fóra do convenio a un propietario e xamais emendou o seu mal comezo. Agora a xustiza obriga en firme a revisar a xestión de tal polígono, aprobada cos únicos votos do PP en setembro de 2002.
O conflito do barrio de Lamas e Andrés é vello e ben coñecido pola xente da Pobra. O PP decidiu agochar a súa inutilidade e sectarismo tras supostas xenreiras persoais, que tamén, e de pouco serven agora os argumentos do señor Durán tratando de cualificar como erros as malas mañas do seu partido durante todos estes anos. O BNG coincide co goberno en cualificar de temeridade o comportamento do PP neste conflito cuxo custo é imposíbel de determinar agora mesmo
4. LICENZAS 1 e 2/2006. De novo o concello diante da necesidade de corrixir a nefasta xestión do PP e dun dos seus máis “afamados” axudantes. Neste caso a concesión das licenzas para a construción dunha vivenda unifamiliar, que mal concedidas e peor vixiadas, motivaron moitas denuncias veciñais e paralizacións por non axustarse ás normas urbanísticas vixentes daquela. O que o Pleno debía resolver era devolver a tramitación do expediente á Xunta de Goberno Local que foi quen entendeu delas en primeira instancia.
O BNG insistiu nos argumentos xa expostos nas anteriores ocasións que o pleno debateu sobre a nulidade destas licenzas
Os dous puntos se aprobaron cos votos a favor do PP, que quere pasar páxina, claro, e do goberno. BNG e PSOE abstivémonos.
6. NOMEAMENTO DE FILLOS ADOPTIVOS A SEGUNDO M. DURÁN CASAIS E XERARDO FERNÁNDEZ ALBOR. Cando en marzo de 2017 o voto maioritario da corporación se declarou insuficiente para nomear a Anxo Rei Ballesteros fillo adoptivo da Pobra do Caramiñal, por non acadar a maioría cualificada de dous terzos esixida no regulamento de honras do concello, abriuse unha grande dúbida sobre os nomeamentos antes citados. Agora o Consello Consultivo de Galiza rexeita os argumentos de quen era daquela o secretario municipal e ditamina a favor da revisión de oficio da tales nomeamentos.
O asunto na súa totalidade vén demostrar a prepotencia e desleixo do PP a respecto das normas e a súa “flexibilidade” para saltar por enriba daquelas que non lle conveñen. Nos dous casos o PP di actuar de acordo co regulamento municipal de honras pero non é tal cando non ten os votos necesarios. Para o señor Durán a proba da “bondade” do PP reside en que podendo cambiar o regulamento de honras non o fixeron. Para o BNG o PP non cambiou nada porque pensaban que tiñan todo “atado e ben atado”.
Por enriba de calquera consideración, o BNG insiste en que a lei non só ten que ser igual para todos senón que se ten que aplicar a todos co mesmo criterio, máis aló do sectarismo acomodaticio que o PP amosa sempre. Votaron a favor BNG, NP e PSOE. O PP votou en contra, e semellou anunciar unha vía xudicial en contra da anulación dos nomeamentos e da concesión dese nomes aos espazos públicos correspondentes.
Polo demais só se aprobou a acta do pleno de abril, pois a concelleira do PSOE non recibira a de maio en papel, como ten solicitado.
Presentou o goberno a aprobación dos prezos para unhas actividades de turismo mariñeiro que a concelleira xustificou dicindo que xa se desenvolveran o ano pasado. Non informou a señora Varela sobre a formación que dixo recibiran os participantes nin quen a impartiu, nin sobre o calendario. Xurdiron dúbidas sobre a hixiene de compartir o calzado e sobre tantos detalles máis que fixo que a concelleira manifestara que aínda estaban traballando no proxecto. A pesares diso presentan unha proposta para aprobar os prezos públicos, que, por certo, foron emendados de forma oral, mostra da improvisación da proposta e do trato de favor que se outorga o goberno, pois os grupos da oposición debemos levar redactadas e impresas as emendas que presentamos nos plenos. Claro que os partidos da oposición non presentamos emendas ás nosas propias mocións.
O punto 5 propoñía corrixir un (outro) erro no Inventario de Camiños Municipais que supoñía un camiño público no que era unha parcela privada. Aprobouse cos votos a favor de BNG, NP e PP. O PSOE abstívose.
Tamén do goberno era a proposta do punto 7 instando ao Ministro de Pesca e á Conselleira do Mar a protexer a práctica do arte do xeito. Dende o BNG propuxemos unha emenda en forma de engádega que instaba á Xunta de Galiza a exercer as competencias exclusivas nas rías e demais augas interiores, recollidas no Estatuto de Autonomía, e excluír a arte do xeito e a pesca artesanal dos TACS (totais admisíbeis de capturas) e cotas impostas dende a UE e o Goberno do Estado. BNG, NP e PSOE votamos favor da emenda e o PP en contra (para que pensaran eles que temos o –escaso- Estatuto de Autonomía?). Repetíronse os votos a favor da proposta coa emenda incorporada e a abstención do PP.
O BNG presentou tres mocións. Aprobáronse por unanimidade a primeira, que propoñía nomear persoas non gratas no noso concello aos compoñentes de “La Manada” e a segunda, de modificación da lei de portos de Galiza, que aproveitou o alcalde para facer unha longa sesión de autobombo –xa podían presentar eles a moción. A terceira propoñía anular o uso sancionador do dispositivo foto-vermello no semáforo do centro da vila e substituílo polo desenvolvemento de accións de concienciación e educación viaria. Aprobouse cos votos a favor do BNG e PP, a abstención do PSOE e en contra de NP.
As moción do PSOE para crear zonas “libres de fume” nalgunha praia do concello, e as do PP para a reparación e mantemento do pasamáns do lavadoiro da ponte da Crocha e da ampliación e asfaltado do camiño na aldea de Pumadiño aprobáronse por unanimidade.
Haberá que voltar, seguro que si, a falar deste pleno.