AS PROPOSTAS DO BNG PARA A RIBEIRIÑA E CONCHIDO, CAMIÑO ANCHO E SAN ROQUE, E O POLIDEPORTIVO DE VENECIA REXEITADAS POR NP
Resumo do Pleno Ordinario de xuño 2018
Pleno adiantado por mor de viaxes privadas que o alcalde e a primeira tenente de alcalde van facer. Pleno estraño, sen propostas do goberno e sen actas. Será que unha cousa ten que ver coa outra. Ou non. Quen sabe. De feito o PP queixouse de que o goberno non contestara á súa solicitude de información sobre o adianto e das malas maneiras e da falta de cortesía, máis unha vez, do señor Piñeiro e o seu equipo.
Os puntos da Orde do día eran todos mocións da oposición, presentadas en maio e xuño.
O BNG defendía catro mocións, vindo unha do pasado mes. Esta, que se debateu de primeira, propoñía realizar melloras no polideportivo de Venecia, que ten o teito, a pista e as gradas en estado de auténtica emerxencia, provocada maiormente polas filtracións de auga. É evidente a urxente necesidade de facer arranxos e melloras importantes como demandou o BNG. Foi aprobada por unanimidade. Falta agora que se leve a cabo.
A segunda, rexistrada xa en xuño, propoñía actuacións nas que investir os cartos que sobraron de 2017, os máis de 720.000 euros que non se gastaron o ano pasado e que agora poden ter destinos distintos aos de anos anteriores. O BNG propuxo as seguintes: o arranxo do polideportivo de Venecia, melloras na seguridade viaria e accesibilidade na rúa San Roque e Adro do Caramiñal, un parque infantil cuberto e o asfaltado e mellora da rúa 2 na Ribeiriña e Conchido, lugar co que o concello ten unha débeda histórica polo constante abandono de sucesivos gobernos municipais. PP e PSOE abstivéronse polo que os votos en contra do goberno bastaron para rexeitala. Volveremos a intentalo.
A terceira moción solicitaba mellorar o valado e as medidas de seguridade no parque infantil da rúa Venecia, cumprindo a normativa vixente, e ampliar o espazo de xogo das crianzas. Foi aprobada por unanimidade.
A cuarta e última relativa á atención ás persoas visitantes do museo Valle Inclán e á resolución do proceso de selección dunha persoa técnica comezado hai un ano. A proposta atopouse coa oposición frontal da concelleira de cultura a recoñecer os erros cometidos, coma sempre. A pesar dos votos en contra de NP, aprobouse cos votos de BNG, PSOE e PP, que tamén presentou unha moción ao respecto co mesmo resultado.
Tamén do PP foi a moción relativa ao arranxo da estrada de Cadreche a Ouxo que se aprobou cos votos de PP, PSOE e BNG pero que tivo os votos en contra de NP con argumentos que son máis ben pobres escusas. Desta, e contestando ao voceiro do BNG, o señor alcalde manifestou que se NP non presentou orzamentos no ano 2017 vinculados a unha cuestión de confianza, como fixeron este ano, foi por unha decisión estratéxica de NP, poñendo ás claras o carácter electoralista das escasas actividades do goberno municipal. Outra, aprobada cos votos de PP, PSOE e NP, para que o concello beneficie fiscalmente ás persoas autónomas, recibiu as críticas do BNG, que se abstivo, por considerar que a situación dos autónomos non se arranxa con bonificacións dos concellos senón co cambio da lexislación, responsabilidade do goberno estatal. E unha última para favorecer o empadroamento na Pobra, cos votos favorábeis de PP, PSOE e NP e o negativo do BNG, que considera a moción un demagóxico brinde ao sol, pois nin a Xunta nin o goberno municipal do PP tomaron medida efectiva ningunha para combater a crise demográfica. Por certo, NP vai no mesmo camiño, votando si pero sen facer nada.
O PSOE tiña unha moción adiada do pleno anterior relativa á sociedade estatal de correos e telégrafos, aprobada por unanimidade, e presentou outra para este pleno solicitando o apoio plenario ás mobilizacións e reivindicacións dos xubilados e pensionistas da Pobra do Caramiñal, que tamén obtivo a unanimidade.
Esta vez si chegamos ao punto de rogos e preguntas, mais estas non foron respondidas. O BNG leva presentado ao longo do mandato un feixe de preguntas e solicitudes para as que seguimos a día de hoxe sen contestación. Pero NP segue a presumir de transparencia.