Resumo do Pleno Extraordinario do 31 de decembro 2017
Un Pleno Extraordinariamente Ordinario
Outro máis, outro pleno extraordinario en decembro. Desta a dúo entre NP e PP. O goberno municipal porque tiña que conseguir aprobar a Conta Xeral despois de esgotar absolutamente todos os prazos establecidos pola lei e ser requirido polo Tribunal de Contas. O PP por quen sabe que (populismo?).
Aprobouse a Conta Xeral cos votos a favor de NP e BNG e as abstencións de PP e PSOE. O BNG está en total desacordo coa pésima xestión económica do goberno de NP que, incapaz de investir nas obras que A Pobra necesita, acumula un remanente de máis de 600.000€ que van ir dar aos petos dos bancos. Explicouse mal, moi mal, a concelleira Dona Rosario Varela, quen botou balóns fóra tratando de xustificar o inxustificábel, e mesturando cifras do 2016 con outras do 2017 que, por certo, pode ser aínda peor. Pero a Conta Xeral só é un documento contábel, esixido pola Administración, que recolle as cantidades ingresadas e as gastadas e deduce un balance. E como ese documento, a Conta Xeral, está ben feito o BNG votou a favor.
O PP xustificou (?) a súa petición de pleno extraordinario coa presentación de dúas mocións.
A primeira, relativa ós feitos ocorridos debido á retirada do sinal colocado por membros do BNG sinalizando a rúa co nome de Anxo Rei Ballesteros, aprobouse cos votos favorábeis de PP, BNG e PSOE, e os negativos de NP. Por fin a concelleira Dona Genoveva Hermo recoñeceu ser a persoa que arrancou o sinal que reivindicaba o cumprimento dun acordo municipal unánime que tiña xa máis de seis meses. Iso si, insistiu en que ninguén puido vela guindándoo ao mar. A concelleira, a mesma que nas datas nas que se descubriu a súa felonía dicía que o BNG lle daba noxo, maniféstase culpable pero non arrepentida, e polo tanto non dimite. Do mesmo xeito, o Alcalde foi incapaz de convencer á corporación da legalidade de que o incidente de que un garda civil solicitase o apoio da Policía Local para a identificación da concelleira cando foi interceptada por aquel non aparecese reflectido na folla de servizo correspondente ao día 19 de novembro. O señor Piñeiro di que ao ser el coñecedor do sucedido xa non se precisaba facer tal anotación. É máis que evidente que o Alcalde e o xefe accidental da Policía Local decidiron protexer á concelleira ao non incluír o acaecido na folla de servizo. Os acordos propostos, ademais de reprobar a actuación da concelleira e do Alcalde, obrigan a abrir un expediente informativo ao axente da Policía Local que interveu na identificación da concelleira e non incluíu a incidencia na follas de servizo, e outro ao Xefe da Policía Local en funcións pola súa falta de dilixencia, xa que sendo coñecedor dos feitos, non fixo nada.
A segunda, relativa á utilización das instalacións da antiga escola unitaria do Camiño Ancho como vivenda de emerxencia social tivo os votos a favor de PP e PSOE pero foi rexeitada polos votos en contra de BNG e NP. Para nós é evidente que cada día son máis os colectivos agredidos pola crise social provocada polas políticas neoliberais que priorizan a banca e os mercados sobre as clases populares, de maneira que ás persoas socialmente marxinadas por padecer determinadas adiccións ou patoloxías que provocan a exclusión, xúntanse agora as persoas desafiuzadas, vítimas da usura bancaria, e as castigadas polas guerras nas súas terras de orixe.
Conscientes de que o concello, como administración máis próxima á cidadanía, ten a obriga moral e social de emprender medidas para posibilitar a inclusión de todos os veciños e veciñas afectados por estas situacións de emerxencia, o BNG xa esixiu que nos orzamentos de 2016 se incluíran partidas para a creación de vivendas de emerxencias social en locais de titularidade municipal, por exemplo as antigas escolas unitarias da Ribeiriña, Camiño Ancho, A Granxa-Santa Cruz, ou Vilariño. Pero o que non admite este grupo é que o goberno municipal afronte estas emerxencias con un voluntarismo carente da seriedade necesaria. A asistencia a persoas en situacións de emerxencia debe planificarse de principio a fin, dende o momento en que os servizos sociais son coñecedores da necesidade ata a recuperación e reintegración dos prexudicados. E para iso é preciso algo máis que boas intencións. Por iso, a pesares de rexeitar que se acolla as persoas en risco de exclusión social nunhas instalacións totalmente inadecuadas, o BNG demandou do goberno municipal a redacción urxente dun Regulamento Municipal fronte ás Emerxencias, que permita detectar, atender e lograr o obxectivo da inclusión nas situacións que se dean no noso concello. É por iso que votamos en contra do tratamento materialista que o PP deu ao caso de acollemento na antiga escola unitaria do Camiño Ancho.
Ogallá que NP cambie o seu natural comportamento e atenda os acordos aprobados no pleno, aínda que non teñamos razóns obxectivas que nos fagan ser optimistas ao respecto.