Solicitude do BNG para a urxente protección da praia da Corna
O Grupo Municipal do BNG vén de presentar a seguinte solicitude:
Ramiro Ouviña Ouviña, concelleiro e portavoz do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego-AA neste concello
EXPÓN
Que no pleno de xuño de 2016 aprobouse unha moción do BNG relativa á revalorización do espazo natural da praia da Corna cuxos acordos dicían o seguinte:
1. Que o Concello da Pobra do Caramiñal inste á Xunta de Galiza a iniciar o procedemento de declaración como protexido do ecosistema litoral da Corna, adoptando algunha das categorías previstas no artigo 9º da Lei de Conservación da Natureza, preferentemente naquelas que integran a Rede Galega de Espazos Protexidos.
2. Que se inicie a redacción dun Plan de Conservación no que se identifique: a delimitación do ecosistema, a identificación dos valores a protexer, as normas de uso e aproveitamento, así como as normas de uso público.
3. Que o Concello da Pobra do Caramiñal proceda a ordenar o espazo natural da Corna, prohibindo o acceso rodado a vehículos motorizados e habilitando unha rede de sendeiros que descorran polas zonas menos sensibles do ecosistema.
4. Que o Concello da Pobra do Caramiñal inicie a redacción dunha normativa específica para a preservación da riqueza natural da Corna, aprobando un regulamento no que se restrinxan aquelas actividades e usos que resultasen degradantes para o ecosistema.
5. Que o Concello da Pobra do Caramiñal instale sinais e paneis que contribúan á promoción da educación ambiental e nos que se informe das normas de uso público do espazo natural.
6. Que o Concello da Pobra do Caramiñal habilite un aparcamento, en boas condicións, para vehículos motorizados na zona perimetral do ecosistema.
7. Que o Concello da Pobra do Caramiñal emprenda accións de sensibilización ambiental vencelladas co espazo natural da Corna, dirixíndoas prioritariamente aos visitantes do espazo e ao estudantado dos centros formativos da nosa localidade.
Que en xullo de 2017, á vista de que non se acometera ningunha das actuacións aprobadas, o BNG presentou un escrito coa seguinte solicitude: “Que o Goberno Municipal inicie de forma inmediata os traballos necesarios para executar os acordos plenarios a respecto da protección e revalorización do espazo natural da praia da Corna, cando menos aquelas accións que eviten a degradación irreversíbel deste espazo pola afluencia de numerosas persoas na temporada estival”.
Que xa en mandatos anteriores se presentaran iniciativas ao respecto sen resultado ningún.
Que nos atopamos dous anos despois con que a situación do ecosistema da contorna da praia da Corna é máis preocupante, totalmente desprotexido ante a afluencia de persoas, moitas con mascotas, e vehículos a motor, que deterioran o espazo e poñen en perigo a súa flora e fauna.
Por todo o exposto, este concelleiro, en representación do G.M. do Bloque Nacionalista Galego – Asembleas Abertas, presenta a seguinte
SOLICITA:
QUE o goberno municipal adopte coa máxima urxencia medidas de protección que eviten o tránsito de persoas e vehículos pola zona dunar.
QUE o goberno municipal instale sinais e paneis que contribúan á promoción da educación ambiental e nos que se informe das normas de uso público do espazo natural.
QUE o goberno municipal redacte e desenvolva unha estratexia de actuación na área da praia da Corna que teña como obxectivos:
- Consolidar o equilibrio da paisaxe litoral, entre a contorna rural e o sistema praia-duna;
- Establecer medidas de protección sobre os elementos máis vulnerábeis do ecosistema, promovendo a súa rexeneración e reahbilitación
- Restituir a paisaxe natural e os seus valores identitarios, recuperando as áreas degradadas por novos asentamentos, evitando e expansión de especies alóctonas e a fragmentación da paisaxe.