MOCIÓN relativa á adhesión do concello da Pobra do Caramiñal ao convenio do proxecto “Parque arqueolóxico da Idade do Ferro: os castros dos praestamáricos”.
En setembro de 2018 presentouse un ambicioso proxecto de colaboración entre a Deputación da Coruña e a Mancomunidade Arousa Norte para a promoción turística e cultural da comarca denominado “Parque arqueolóxico da Idade do Ferro: os castros dos praestamáricos”.
Segundo informaba o blog de Arousa Norte, “o proxecto pretende poñer en valor unha serie de recursos territoriais de carácter cultural e turístico baixo unha mesma liña temática destinada a crear unha experiencia global para contar a Idade do Ferro a través do hábitat dun pobo concreto da Idade do Ferro, contribuíndo a humanizar o relato arqueolóxico”.
Trátase dun proxecto cunha duración inicial de catro anos, financiado pola Deputación cunha achega de 500.000 euros e nel pretendíase incluír o castro da Croa de Posmarcos.
Cónstanos que o goberno municipal tivo en mente destinar unha parte do remanente de tesourería á adquisición de parte dos terreos nos que se ubica o castro da Croa para poder adherirse ao convenio do proxecto que incluiría tamén ao concello de Porto do Son. Non obstante, finalmente a compra destes terreos non formou parte dos investimentos a levar a cabo co remanente de tesourería.
O BNG considera que este proxecto arqueolóxico é de grande importancia para a comarca e, nomeadamente, para A Pobra, pois permitiría a posta en valor dunha parte fundamental do noso patrimonio e a súa divulgación entre os veciños e veciñas e visitantes, ampliando a nosa oferta cultural.
1. Acometer todos os trámites precisos que permitan a adhesión do Concello da Pobra do Caramiñal ao convenio de cooperación entre a Deputación Provincial da Coruña e os concellos de Boiro, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo e Ribeira, para regular o proxecto "Parque arqueolóxico da Idade do Ferro: os castros dos praestamáricos.