MUNICIPAL
Vídeo
O BNG da Pobra pide que se aclare a titularidade dun cruceiro instalado en terreo privado

O BNG da Pobra pide que se aclare a titularidade dun cruceiro instalado en terreo privado

O BNG da Pobra volve interesarse pola posta en valor do patrimonio do municipio. Desta volta, levarán a pleno unha moción o vindeiro xoves para esclarecer a titularidade deste cruceiro, que ata mediados dos oitenta estivo situado na rampla de San Lázaro. Con motivo das obras do peirao comercial, os nacionalistas denuncian que foi trasladado de xeito irregular a esta propiedade privada. Ademais de aclarar a titularidade deste elemento patrimonial, o BNG demanda a apertura dun expediente sobre o seu traslado e a súa recuperación para o catálogo de bens públicos do concello. Así mesmo, solicitan que se instale nunha zona pública para o disfrute de tódolos veciños.

Ler novas
Vídeo
O BNG do Barbanza pide máis recursos para a sanidade pública

O BNG do Barbanza pide máis recursos para a sanidade pública

Distintos representantes do BNG da comarca concentráronse hoxe nas portas do Hospital da Barbanza para falar sobre a situación da sanidade pública . O concelleiro do Bloque Nacionalista Galego da Pobra, Ramiro Ouviña, considerou que a sanidade galega está a gozar de moi mala saúde.

Ler novas
Vídeo
Parque arqueolóxico da Idade do Ferro: os castros dos praestamáricos

Parque arqueolóxico da Idade do Ferro: os castros dos praestamáricos

O BNG da Pobra do Caramiñal solicita a realizacion dos trámites necesarios para que este concello se adhira ao convenio para por en marcha o proxecto “Parque arqueolóxico da Idade de Ferro: os castros dos praestamáricos” en colaboracion coa Deputación xunto aos concellos de Boiro, Porto do Son , Rianxo e Ribeira

Ler novas
casadoconcelloapobradocaraminal

Resumo do Pleno Ordinario Outubro 2018

A proposta máis importante por parte do goberno foi a reforma do polideportivo de Venecia. O BNG defendeu no pasado xuño a necesidade absoluta e urxente de arranxar as numerosas deficiencias que presenta. Aprobouse por unanimidade e o alcalde dixo ter a intención de facelo no verán para producir menos trastornos na actividade deportiva. Evidentemente, non foi así. Mais neste pleno de outubro votouse por unanimidade a aprobación inicial do proxecto técnico para a obra, que se financiará, tal e como tamén propuxera o BNG, co superávit de 2017. É unha boa nova. A ver para cando.

O BNG presentou dúas mocións. A primeira delas reprobaba ao alcalde e a concelleira de promoción económica e emprego, a Sra. Varela, pola súa nula xestión ao fronte da concellería. Lembrámoslle que non só non  elaboraron o plan de emprego xuvenil ou a solicitude de subvencións para obradoiros de emprego aprobadas por unanimidade no pleno  senón que foron incapaces de propoñer medidas propias e efectivas a tal efecto. Tamén propoñía a moción, unha vez máis, o plan de emprego, a participación nos programas de cooperación doutras administracións para o emprego (obradoiros de emprego entre outros) e a habilitación na web do concello dun espazo informativo sobre oferta e demanda de emprego. Aprobouse cos votos favorábeis de BNG, PSOE e PP e o voto en contra de NP, que se expresaron moi satisfeitos de contribuír ao emprego mediante a contratación de persoal no propio Concello.

A segunda poñía en destaque a sensación asentada entre a veciñanza de que A Pobra vive nunha profunda inseguridade urbanística e propoñía cubrir de xeito inmediato a praza de Arquitecto Superior aprobada en xaneiro de 2016, asignar ao servizo de urbanismo os recursos necesarios para restaurar e manter a legalidade urbanística e arbitrar procedementos de control que vixíen o cumprimento da normativa urbanística. O goberno aceptou a maior pero non lle gustou  que a moción incluíra “restaurar” e por medio do concelleiro de Servizos Sociais (non o de Urbanismo, que é o Alcalde, responsábel da desfeita) propuxo unha emenda consistente en substituír a palabra por “exercer de maneira eficaz”. A corporación non aprobou a emenda e a moción tampouco foi aprobada polos votos en contra de NP e PP. Ou sexa, NP agocha a cabeza como a avestruz e o PP prefire a política de “ti vai facendo” que tan querida lles é.

Polo demais, aprobouse a acta do pleno ordinario de maio e só houbo tres propostas do goberno municipal, a mencionada do polideportivo, a aprobación dos festivos locais para 2019 e unha subvención nominativa.

Os festivos locais, os de sempre, luns dos Pincheiros e luns do Nazareno, aínda que a data numérica viña equivocada... Aprobáronse cos votos favorábeis de NP, PP e PSOE. O BNG abstívose. Seguimos considerando que hai que darlle unha voltiña e procurar un consenso na recuperación de festas tradicionais como o San Xoán ou o Entroido.

A subvención ao Club de Remo para financiar a bandeira feminina disputada na Pobra foi aprobada por unanimidade. Agardemos que tarden bastante menos en pagar do que tardaron en traela ao pleno para a súa aprobación.

Tanto PP como PSOE presentaron mocións reclamando arranxos e melloras en Lamas y Andrés. A do PSOE foi emendada por NP para acometer estas melloras cos orzamentos de 2018 e non co remanente de 2017 como dicía a moción. Emenda e mocións aprobáronse por unanimidade.

O PP presentaba outras dúas mocións. Unha delas para que se limpen rexistros e sumidoiros co fin de evitar inundacións nos baixos, aprobada por unanimidade. A outra, xa coñecida, defendendo que goberne a lista máis votada. Trátase dunha proposta trampa que pretende manipular a lei electoral en beneficio dos intereses do propio Partido Popular, negando a calidade democrática dos pactos electorais e  pervertendo o sentido do voto popular e ignorando que a xa bastante mermada democracia española é representativa e non presidencialista.

Rematou o pleno coa resposta a unha pregunta presentada polo BNG a respecto do torneo de fútbol solidario que na próxima edición non se celebrará na Pobra senón en Rianxo. O alcalde non soubo como explicar a tardanza do seu goberno en conceder as dúas datas que lle solicitaban e  descargou a responsabilidade na organización aínda que se manifestou disposto a seguir apoiando este torneo.

No que queda de ano haberá varios plenos, ordinario e extraordinarios. Esperemos que se traduzan en obras e non pasen a engrosar as cifras de superávit de 2018, como sucedeu en anualidades anteriores.

Ler novas